ConcellosÚltima hora

“O Barco libre de violencia de machista”, lema deste concello para celebrar o 25N

A programación desenvolverase entre o 25 de novembro e o 7 de decembro e incluirá obradoiros, cine, teatro e concentracións

 

“Queremos facer do Barco un espazo libre de violencia machista e, a parte do traballo que xa vimos desenvolvendo ao longo do ano para formar e concienciar á poboación de todas as idades ante esta problemática, teremos unha serie de actos no marco da celebración do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero”, explicaba o concelleiro de Servizos Sociais do Barco, Orlando Saavedra, durante a presentación da programación do 25N neste municipio, cuxo lema será “O Barco libre de violencia machista”.

Entre o 25 e o 30 de novembro terá lugar a campaña “Valdeorras en Negro” coa implicación do comercio e da hostalaría barquense, onde se usarán camisetas negras alusivas a ese lema e tamén se distribuirán pegatinas e carteis de repulsa. Para a tarde do venres 22 de novembro está programado un taller de autodefensa feminista no edificio da biblioteca. “Está pensado como un taller de empoderamento para a muller”, matizaba Saavedra.

O sábado 23 de novembro ás 11:30h. impartirase a charla-coloquio “Ler o mundo en negro: Literatura galega e feminismo” con María Reimóndez na biblioteca e o día 25 faranse proxeccións do documental “Todas as mulleres que coñezo” de Xiana do Texeiro no Teatro Lauro Olmo pola mañá para o alumnado e pola tarde con entrada libre. Ese mesmo día ás 12h. terá lugar unha concentración de repulsa contra a violencia de xénero na praza do Concello, xunto cunha actuación musical en homenaxe ás vítimas, unha exhibición de carteis en memoria das mulleres asasinadas (feitos polos obradoiros de memoria) e a lectura dun manifesto elaborado por estudantes de secundaria.

 

 

O programa complétase cun partido de fútbol organizado polo CD Barco e a S.D. Ponferradina “contra a violencia de xénero”, en colaboración tamén coa Concellería de Deportes; e coa representación “O Rueiro das Liortas” o 7 de decembro ás 20h. no Teatro Lauro Olmo (organizado pola Concellería de Cultura).

Na presentación do programa participaba tamén o alcalde do Barco, Alfredo García, quen indicaba que ante esta problemática o principal “campo no que pode traballar o Concello é o da educación e aí estamos xa”. Ademais, xunto a Orlando Saavedra, animaba aos veciños a participar neste actos e agradecía o apoio do sector comercio da vila e da hostalaría.

No marco do 25N realizouse así mesmo unha declaración institucional, por unanimidade dos catro grupos políticos da Corporación barquense (PSdeG-PSOE, PP, BNG e Riada Cidadá) que conclúe precisamente pedindo “fagamos do Barco un espazo libre de violencia machista”.

Fotos: A.R.

 

Artigos relacionados

Back to top button