En portadaÚltima hora

O Barco mellorará o firme de varias estradas do municipio

A Corporación local vén de aprobar en pleno un investimento de máis de 71.000 euros para obras en diferentes viais, entre outras actuacións

 

Ata 71.454,70 euros destinará o Concello do Barco a unha serie de proxectos de mellora de firme de estradas municipais, así como outro tipo de reparacións. Así o vén de aprobar nesta mañá de xoves 23 de xullo a Corporación barquense nun pleno extraordinario. “Son obras que non podemos demorar e que para as que debemos habilitar crédito”, comentaba o voceiro do grupo municipal socialista, Aurentino Alonso, no pleno.

Entre as actuacións previstas figuran as melloras do firme das estradas de Éntoma á Veiga de Cascallá (26.866,40 euros), de Soulecín a Castro de Vilariño (8.678,29 euros), así como a outras localidades do municipio (9.540 euros), a reparacións de conducións sen obra no Barco 9.157,76 euros) e á substitución da pasarela de madeira do arroio Mariñán (17.212,25 euros).

“Todas as obras son necesarias, pero preocúpame que o deterioro na estrada de Éntoma á Veiga de Cascallá, a parte de polas tormentas que provocaron a entrada de terra, estea tamén en parte provocado porque se meteu maquinaria pesada por parte dunha empresa para preparar unha zona de viñedo, gustaríame que o Concello viaxase máis estas cousas”, comenta no debate deste punto da orde do día o concelleiro de Riada Cidadá, Félix García, quen ademais propoñíalle ao grupo de goberno que se tivesen en conta os posibles programas de axudas existentes de cara ao arranxo de accesos a zona de viñedo.

Pola súa banda, o alcalde do Barco, Alfredo García, comentaba que xa se está en contacto coa empresa “para colaborar e para tratar de que no futuro se eviten escorrentías de tormentas e tamén para que as cunetas estean en perfectas condicións”. O rexedor tamén adiantaba a concesión de axudas por parte do Agader para a mellora da estrada ata Cesures dende Santigoso.

O punto saía adiante cos 11 votos a favor do partido socialista e de Riada e coas 5 abstencións do PP, quen explicaba que, malia considerar as actuacións necesarias non podía apoiar o punto ao non poder acceder, por un fallo técnico no sistema, á documentación do mesmo.

Neste mesmo pleno tamén se aprobaba un recoñecemento extraxudicial de crédito, así como o nomeamento do concelleiro Eladio Santos como representante no Consello Escolar do CEIP Julio Gurriarán do Barco.

 

 

O paso subterráneo de Veigamuíños

No apartado de rogos e preguntas, o edil de Riada Cidadá, Félix García, plantexaba á problemática do paso subterráneo de Veigamuíños, que se inunda de forma habitual cando se produce unha tormenta. “Sigo insistindo en que a solución é facer un pozo de tormentas, cada vez que hai unha inúndase e queda ese acceso ao Barco inhabilitado”.

O alcalde contestaba que “a Deputación de Ourense, titular desa vía, presentou un proxecto que entendemos que debería mellorar a situación, pero que aínda está sen executar. Darémoslle traslado desta petición”.

E, como rogo, Félix García solicitaba que o Concello lle trasládase o seu pésame á familia de José Roo, policía local do Barco, recentemente falecido. Algo que tamén se acordaba.

Ademais o concelleiro do PP, Francisco González, expoñía, apoiándose en fotos, unha serie de deficiencias detectadas (no céspede, plaquetas rotas, a necesidade de pintar na zona dos vestiarios…), xa hai un ano, nas piscinas municipais ao aire libre, comentando que continúan sen repararse. “Penso que non custaría moito reparar isto e desa maneira conseguiríase mellor a imaxe das piscinas do Barco”, aseguraba o edil.

O rexedor, Alfredo García, tomaba nota do sinalado e indicaba que iría a ver as instalacións. Tamén explicaba que “este foi un ano atípico debido ao Covid e houbo determinadas actuacións que non se puideron facer no seu día”.

Fotos: A.R.

 

Artigos relacionados

Back to top button