SanidadeÚltima hora

O Barco pedirá á Consellería de Sanidade que convoque o Consello de Saúde no distrito de Valdeorras

A Corporación barquense aprobaba por unanimidade esta petición que se recollía nunha moción do BNG

 

Na sesión plenaria que a Corporación barquense celebraba na tarde do 5 de setembro resultaba aprobada cos votos dos catro grupos políticos que a forman (PSdeG-PSOE, PP, BNG e Riada Cidadá) unha moción que pedía a “convocatoria inmediata” por parte da Consellería de Sanidade dos Consellos de Saúde e, especialmente o do distrito sanitario de Valdeorras. Esta iniciativa era presentada polo concelleiro nacionalista Suso Vilasánchez.

“A participación social no ámbito sanitario é un dos principios rectores do sistema público de saúde da Galiza” e a “lei 1/2018 de 2 de abril pola que se modifica a lei 8/2008 especifica entre outra cousas no seu artigo 23 que a participación social realizarase a través dos Consellos de Saúde de Distrito, no ámbito propio dos mesmos, así como que estes consellos terán funcións consultivas e de asesoramento en formulación de plans e obxectivos” e que neles haberá representación dos concellos, segundo explicaba Vilasánchez.

Ademais incidía en que nestes consellos “os concellos deberán exercer unha acción proactiva de mellora e control da actividade e da política sanitaria, sobre todo neste tempo onde o mercantilismo e o escaso peso político as poboacións pequenas son algo notorio”.

 

O concelleiro do BNG no Barco, Suso Vilasánchez.

 

Dende o PP a súa voceira municipal, Sabina Aguado, indicaba que “estamos dacordo en que poñan en funcionamento os consellos”. Do mesmo xeito se manifestaba o concelleiro de Riada Cidadá Félix Yáñez, quen resaltaba que eses consellos teñen que funcionar, sobre todo, por un criterio democrático”, mentres que o concelleiro socialista Orlando Saavedra indicaba que, “despois dun ano e medio da reforma da lei, xa ten pasado suficiente tempo como para que se convoquen” e matizaba que este órgano de representación social nos distritos “conseguiuse grazas ás reivindicacións que se fixeron. O consello debe formarse e debemos participar nel”.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button