En portadaÚltima hora

O Barco pedirá a Fomento que non peche a venda de billetes nas estacións valdeorresas

No pleno celebrado o 1 de outubro resultaba aprobada por unanimidade unha moción presentada polo PP

 

Na sesión plenaria que o Concello do Barco celebraba na tarde do 1 de outubro resultaba aprobada por unanimidade unha moción presentada polo PP na que se pedía instar ao Ministerio de Fomento a que non peche a taquilla de venda de billetes na estación de ferrocarril do Barco. “Parécenos unha decisión inxusta e intolerable”, aseguraba a voceira municipal do PP, Sabina Aguado, ao defender a moción, “xa perdemos outros servizos, ¿que vai ser o seguinte?”.

Dende o BNG o seu concelleiro Suso Vilasánchez amosaba o seu apoio á moción, pero lembraba que esta formación nacionalista xa presentarara no seu momento unha proposición non de lei no Parlamento sobre as estacións da Rúa e Petín. Ademais indicaba que botaba en falta que non texto da moción non se fixese ningunha referencia a instar tamén á Xunta de Galicia, “que tamén debería moverse un pouco”.

Tamén o concelleiro de Riada Cidadá, Félix Yáñez, se amosaba favorable á moción e lembraba que xa en xaneiro de 2017 se fixera unha declaración institucional, co apoio dos tres grupos que había daquela na Corporación, con esa mesma petición e outras en materia ferroviaria. Ademais consideraba que “a moción do PP quédase curta porque se esquece da estación da Rúa, na que tamén se suprime este servizo” e preguntáballe ao goberno local que se está a facer ante esta situación, “¿hai contactos con Renfe, con Adif, co goberno central? ¿estase buscando unha solución?”.

Finalmente, interviña o alcalde do Barco, o socialista Alfredo García, quen comezaba sinalando que “o goberno do Barco estivo sempre defendendo as reivindicacións, gobernase quen gobernase, sempre estivemos defendo aos veciños e imos seguir así”, polo que se ía apoiar á moción. E respondendo a Riada Cidadá comentaba que xa houbo contactos co responsable de Renfe en Galicia e que a semana que vén o senador por Ourense Miguel Bautista ten concertada unha entrevista co presidente de Renfe en Madrid para tratar este tema.

“Queremos que haxa alguén para vender billetes, pero tamén dar información. Nestes momentos non temos practicamente servizo de trens e queremos que se repoñan a maior brevidade posible os servizos de Renfe”, dicía García. Ademais indicaba que se solicitará “que haxa un rexional pola mañá, que vaia a Ourense, e que volva a partir das 16h”.

Finalmente votábase a moción, á que se lle engadía tamén pedir que non se peche a venda de billetes na estación na Rúa, que resultaba aprobada por unanimidade.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button