ConcellosO BarcoÚltima hora

O Barco pedirá á Xunta un plan fronte ás ondas de frío similar ao desenvolvido para as de calor

Resultaba aprobada unha moción neste senso presentada polo concelleiro do BNG, Suso Vilasánchez

 

As ondas de frío tamén causan falecementos. E incluso máis que as de calor. “Segundo vai baixando a temperatura aumentann os riscos de morte ou do número de persoas que falecen e hai máis morbimortalidade. Todo medra paulatinamente ata que chega un momento no que as mortes se disparan á consecuencia das temperaturas, e o que se denomina marco de disparo”. Deste xeito comezaba a expoñer Suso Vilasánchez, concelleiro do BNG no Barco, unha moción sobre “a determinación nas ondas de frío da temperatura mínima marco ou de disparo, por comarcas ou rexións climaticamente”, que resultaba aprobada cos votos a favor do PSdeG-PSOE, BNG e Riada Cidadá.

Ademais o edil nacionalista botaba man dos datos para explicar a dimensión desta problemática, á que non se lle está dando visibilidade. “Para darnos conta da mala evolución deste problema debería bastarnos o saber que no ano 2016, investigadores do Instituto de Saúde Carlos III afirmaban que naquel momento o risco de morrer nunha onda de frío era 3 veces mais alto para anciáns de mais de 75 anos que ía dúas décadas. As baixas temperaturas relaciónanse sempre con enfermidades infecciosas das vías respiratorias e enfermidades respiratorias, mais tamén está demostrada a correlación entre a baixa temperatura e o incremento da morbimortalidade (mortalidade por mor dunha enfermidade) por causas circulatorias e paro cardíaco, así como o agravamento das enfermidades crónicas persistentes”. Outro estudo realizado en 14 países europeos, revela ademais que “España ten a segunda taxa mais alta de exceso de mortalidade invernal despois de Portugal”, resaltaba Vilasánchez.

 

O alcalde e os voceiros dos grupos municipais do Barco, no pleno./ Foto: A.R.

 

O edil lembraba que comezan “de novo os fríos, asistimos a unha crise enerxética cunha economía feble, aparece o que se deu en chamar pobreza enerxética, advírtenos de posibles cortes de enerxía, estamos ante unha sociedade que esnaquizou as clásicas redes de apoio familiar para unha boa parte dos nosos maiores, a nosa poboación rural esta envellecida e por veces soa: é tempo de actuar e programar cara un futuro a curto, medio e longo prazo, por todo eso, dende o BNG propoñemos ao Pleno do concello do Barco a aprobación dos seguintes”.

Neste senso, a moción, finalmente aprobada, acordaba que o Concello do Barco “instará á Xunta de Galiza á determinación por comarcas, ou rexións isoclimáticas nas provincias galegas, da temperatura mínima marco ou de disparo nas ondas de frío, informándolles da existencia de estudos previos que xa teñen cuantificado eses datos para capitais de provincia e concellos de máis de 10.000 habitantes como o realizado por investigadores do Instituto de Saúde Carlos III”, ademais de instar á Xunta á “implementación dun plan de actuación para as ondas de frío similar ao desenvolvido para as vagas de calor, que podería incluír a posibilidade de ofertar lugares acondicionados para pasar as ondas de frío, ou inclúa o apoio económico para manter unha axeitada temperatura no fogar nesas datas, o apoio institucional a persoas especialmente sensibles e a concienciación social deste problema”.

O grupo municipal do PP votaba en contra ao non ser aceptada unha emenda transaccional na que se pedía substituír os dous acordos antes citados por outro no que se ínstase á Xunta a realizar, “na maior brevidade posible, e non máis tarde do inverno de 2022, a que se estenda o protocolo das ondas de calor ás de frío”.

 

O concelleiro do BNG, Suso Vilasánchez, expoñendo unha das mocións./ Foto: A.R.

 

Mocións sobre violencia de xénero e a iniciativa Xabarín

Na sesión plenaria de novembro no Barco tamén resultaban aprobadas outras dúas iniciativas presentadas por Suso Vilasánchez, unha delas por unanimidade. Trátabase da moción para que o Concello do Barco se adhira á Iniciativa Xabarín do Parlamento de Galicia (PNP-001472). Sen embargo a moción restante, sobre sobre “o incremento dos recursos económicos destinados especificamente a loitar contra a violencia de xénero”, saía adiante novamente cos 11 votos do PSdeG-PSOE, Riada Cidadá e BNG, fronte aos 5 contarios do PP.

O pleno acordaba que o Concello pedirá “á Xunta o incremento dos recursos económicos destinados especificamente a loitar contra a violencia de xénero do proxecto de orzamentos de 2022” e tamén “o reforzo e ampliación da rede de Centros de Información ás Mulleres para garantir a cobertura do conxunto do territorio especialmente aquelas comarcas que actualmente carecen deste servizo así como a dotación dos medios humanos e materiais necesarios para reforzar o cadro de persoal daqueles CIM que asumen unha maior carga de traballo. Para tal fin, a Xunta de Galiza elaborará e remitirá á Cámara galega e á FEGAMP antes de finalizar o presente ano un Plan específico debidamente orzado e coa correspondente planificación temporal para levalo a cabo”.

A voceira municipal do PP, Sabina Aguado, explicaba detallamente os investimentos realizados pola Xunta de Galicia nesta materia, mentres que o de Riada Cidadá, Félix García, amosaba o seu apoio á moción e pedía que nos actos do 25 de novembro, o Día Internacional da loita contra a Violencia de Xénero se tivese en conta a morte violenta de Leticia Magali Sanabria no Barco, pedindo tamén que as investigacións do caso “progresen e se resolvan dunha vez”. Pola súa banda, o concelleiro de Servizos Sociais, Orlando Saavedra, afirmaba que “esta moción ben podería ser a base da declaración institucional que o Concello do Barco acostuma facer cada 25 de novembro”, para deseguido comentar que as ferramentas desta administración local para loitar contra a violencia de xénero, entre elas o Centro de Información á Muller, a súa participación no sistema Viogen, os programas de formación e prevención nos centros de ensino… “O Concello comprométese a seguir sumando compromisos”, concluía.

Fotos: A.R.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button