ConcellosÚltima hora

O Barco pedirá a Educación un novo convenio para construír o pavillón do CEIP Julio Gurriarán

Así se acordaba, por unanimidade, na comisión municipal de Obras, celebraba na tarde do 9 de agosto
Exterior do CEIP Julio Gurriarán do Barco.
Exterior do CEIP Julio Gurriarán do Barco.

O Concello do Barco vai solicitar á Consellería de Educación a redacción dun novo convenio para a construción do pavillón de deportes do CEIP Julio Gurriarán. Na comisión municipal de Obras celebrada o 9 de agosto o alcalde barquense, Alfredo García, presentaba unha proposta que lograba o apoio unánime dos tres grupos políticos.

Nesta proposta inclúese que a Consellería de Educación “deberá revisar o proxecto para ter en conta as consideracións realizadas sobre o mesmo polo arquitecto municipal, e que a achega do Concello do Barco, como máximo de 150.000, quedará condicionada á execución da totalidade do proxecto, cun orzamento de 600.000 euros, dos que 348.000 euros corresponden á construción da cuberta. O Concello farase cargo tamén dos gastos de mantemento do novo pavillón, como nos outros existentes en centro escolares, pero non do gasóleo para calefacción, por seren competencia da Consellería”, tal e como se informa dende o Concello do Barco.

Dende esta administración local tamén se matiza que o convenio inicial remitido por Educación non fala da obra na súa totalidade, senón unicamente da cuberta. “Só se fala da cuberta, pero non de luz, nin de calefacción, nin de baños, nin de vestiarios”, di o alcalde do Barco, quen considera imprescindible que o proxecto que se execute “sexa completo, con todo o que necesita o pavillón para funcionar de verdade”.

Ademais o arquitecto municipal detectaba algúns problemas no convenio da Consellería de Educación. “Hai unha liña de media tensión que atravesa a pista, polo que debería desviarse; a edificación debería recular alomenos 3 metros da parcela lindeira para eliminar o paso estreito entre os dous pavillóns, os vestiarios deberían cambiarse para o sur para non restarlle luminosidade ó comedor e ás aulas que lindan, e ademais debería contar cun estudo en materia de augas ó estar na zona de fluxo preferente do arroio Mariñán, polo que mentres a Confederación non aprobe o encauzamento do Mariñán estarase ao disposto no Plan Hidrolóxico da Confederación Miño Sil”, tal e como se recolle na nota de prensa emitida dende o Concello do Barco. “Todo isto demostra que este proxecto se redactou sen ter en conta as circunstancias da súa situación”, engade o alcalde.

Artigos relacionados

Back to top button