En portadaÚltima hora

O Barco pide que se manteñan os servizos de venda de billetes na estación de ferrocarril

Os tres grupos da súa Corporación (PSdeG-PSOE, PP e Riada Cidadá) veñen de asinar unha declaración conxunta sobre este tema que se levará a pleno
Voceiros dos tres grupos políticos presentes na Corporación do Barco, na presentación da declaración conxunta para pedir a continuidade do servizo de información e venda de billetes na estación de tren da vila./ Foto: Ángeles Rodríguez.

No vindeira sesión plenaria do Barco, prevista para o 2 de febreiro, presentarase unha declaración conxunta dos tres grupos políticos presentes nesta Corporación sobre a desaparición dos servizos de información e venda de billetes na estación de ferrocarril do Barco.

O contido da declaración dábase a coñecer nunha rolda de prensa celebrada na tarde do 27 de xaneiro e á que asistían os voceiros do PSdeG-PSOE, Aurentino Alonso, do PP, Arsenio Moldes, e o de Riada Cidadá, Félix García. Aurentino Alonso explicaba que nun principio o grupo municipal socialista tiña previsto presentar unha moción sobre este tema pero que, tras convocar aos voceiros das outras formacións, se optaba por consensuar un texto e presentalo como declaración conxunta.

Nese texto pídeselle a Adif e Renfe que, “dada a importancia que ten esa decisión de Adif e Renfe, e as consecuencias que dita decisión lles crea aos concellos afectados (e tamén aos que están na súa zona de influencia) os tres grupos políticos consideran necesario o mantemento dos servizos de venda de billetes e atención persoal aos viaxeiros nas estacións de O Barco de Valdeorras, O Carballiño, A Rúa-Petín e Ribadavia”. Ao mesmo tempo os tres grupos coinciden na necesidade de mellorar as comunicacións ferrovarias de Valdeorras, “cunha maior frecuencia do servizo tanto con Galicia como co resto de España”.

Unha vez resulte aprobado este texto no pleno, será remitido a Adif, a Renfe e á Xunta de Galicia, á que se lle pide que “se implique tamén de xeito activo na defensa do transporte ferroviario no conxunto do territorio galego, e en particular, no noso concello”.

Artigos relacionados

Back to top button