En portadaSanidadeÚltima hora

O Barco pide que Valdeorras volva ser área sanitaria e que nesta vila se cree unha unidade de atención á silicose

A Corporación barquense vén de aprobar unha moción socialista para pedirlle á Xunta que modifique a actual Lei de Saúde de Galicia e que se dote de recursos ao Hospital Comarcal Valdeorras e aos centros de saúde da zona
Un dos momentos do pleno do Barco do 7 de febreiro./ Foto: A.R.

Por unanimidade saía adiante no pleno celebrado na tarde do 7 de xaneiro no Barco unha moción socialista para pedir que Valdeorras volva a ter área sanitaria propia. O texto orixinal da iniciativa, ao que daba lectura o voceiro municipal do PSdeG-PSOE, Aurentino Alonso; remataba instando á Xunta “derrogar a reforma da Lei de Saúde de Galicia para, entre outros cambios, modificar a actual distribución das áreas sanitarias”, así como a “dotar ao HCV dos recursos materiais e humanos necesarios para manter os citados servizos sanitarios básicos con persoal e capacidade asistencial en cada un deles, sen que a atención dependa fundamentalmente da presenza rotatoria de profesionais entre distintos hospitais” e a “asegurar o nivel asistencial do HCV coa cobertura de todas as baixas e vacacións de todo o persoal que presta os seus servizos de maneira estable neste centro”.

Os dous grupos da oposición, PP e Riada Cidadá, presentaban dúas emendas a esta moción. No caso de Riada tratábase dunha emenda de adición “para completala”. Así o seu edil, Félix Yáñez, engadía na parte final da iniciativa que se dote tamén de recursos e “dos profesionais necesarios aos Centros de Saúde”, así como “a dotación dunha unidade sanitaria de prevención e atención á silicose”.

 

O alcalde do Barco, Alfredo García, nunha das súas intervencións./ Foto: A.R.

 

Pola súa banda, o PP presentaba unha moción de substitución para modificar á parte do texto na que se alude á derrogación da actual Lei de Saúde. Así o concelleiro popular Carlos Crespo propoñía sinalar que se “modifique de xeito consensuado a Lei de Saúde Galicia para que, entre outros, se modifique a actual distribución das áreas sanitarias”. Finalmente, ambas emendas resultaban tamén aprobadas por unanimidade.

Piscina climatizada

Entre as cuestións que os concelleiros da oposición lle formulaban ao alcalde do Barco, Alfredo García, no apartado de rogos e preguntas había unha referida á situación dos proxectos de obra na piscina climatizada da vila. Realizábaa o concelleiro de Riada Cidadá, pedindo explicacións sobre a situación desta piscina, pechada dende o pasado verán. “A preocupación dos veciños por este tema vai en aumento”, dicía, indicando ademais que “a situación que padecemos é produto da desidia e da falta de previsión”, e neste senso, mencionaba o “cambio nos prazos, as obras sen comezar, e iso que os cartos están aprobados e dispoñibles”.

Na súa resposta, o alcalde barquense resaltaba que “este Concello non retrasou intencionadamente esta obra para nada, que máis quixeramos nós que as obras estivesen rematadas. Imos intentar facer as cousas ben para que a piscina funcione ben e o servizo que preste aos veciños sexa o adecuado”. Aseguraba que neses retrasos influíron, entre outras cuestións, “a nova lei de contratos, que dilata en exceso todos os prodedementos administrativos. É un problema administrativo, non económico xa que hai partida orzamentada dispoñible”. E comentaba que hai dous concursos (das obras) iniciados e outro, o da xestión da piscina, pendente de sacar e no que se está traballando.

Artigos relacionados

Back to top button