ConcellosO BarcoÚltima hora

O Barco pon en marcha un proxecto para engalanar con flores os edificios no Camiño de Inverno

A través da iniciativa "Flores no Camiño" regalará plantas aos veciños residentes nas rúas da ruta xacobea

Imaxe do casco antigo do Barco polo que pasa o Camiño de Inverno./ Foto: A.R.

 

Este é o primeiro ano no que o Camiño de Inverno vive un ano Xacobeo, logo do seu recoñecemento como ruta oficial. E, neste marco, o Concello do Barco vén de poñer en marcha o proxecto “Flores no Camiño”. “O Xacobeo chega nun momento difícil para todos, e a vila do Barco, cuxos veciños sempre fomos acolledores, cordiais e agarimosos, non poderemos recibir nin agradecer a visita como nos gustaría, con apertas e estreitando mans. Por iso, o Concello quere por en marcha este proxecto, para o que se solicita a participación dos residentes nas rúas do Barco polas que transcorre o Camiño de Inverno”, tal e como vén de anunciar o Concello do Barco.

Nese senso, poranse a disposición dos habitantes desas rúas, que teñan balconadas ou terrazas apropiadas, un total de 1.000 unidades de flores para axudar a engalanar os edificios situados no Camiño de Inverno.

Os interesados terán que solicitar a súa participación no proxecto por medio dun impreso que estará a disposición de todos os interesados, entre o 3 e o 14 de maio, na planta baixa do Edificio Multiusos, ou na web do Concello do Barco, no enlace:
https://www.concellodobarco.gal/fileadmin/turismo/proyecto_flores.pdf

Os participantes poderán elixir entre varias clases de plantas: surfinia, petunia, xeranio, verbena e conchita.

O Concello encargarse de entregar as flores, cun máximo de 6 unidades por residente e ata completar existencias, nos domicilios dos participantes, que só terán que se comprometer a completar con flores propias o total das súas balconadas ou terrazas.

Artigos relacionados

Back to top button