CulturaCulturaÚltima hora

O Barco pon en valor o galego de Valdeorras na festa virtual do 17 de maio

Deste xeito proponse unha "pequena festa virtual da palabra a través das redes sociais", sinalan dende a Concellería de Cultura

 

O vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas, tamén se conmemorará de xeito diferente no Barco.  Será unha celebración “desde a casa e coas redes sociais como canle para as expresións a prol da lingua e da literatura de Galicia”, din dende a Concellería de Cultura barquense, que lanza unha proposta moi singular: “poñer en común  palabras pouco usadas do galego de Valdeorras, un xeito de reclamar maiores espazos de uso para a nosa lingua”.

Deste xeito proponse unha “pequena festa virtual da palabra a través das redes sociais”. A idea consiste en que cada participante “poña nesta semana unha palabra do galego falado en Valdeorras que considere que é pouco usada, que está esquecida na actualidade, que usa a xente maior ou que se fai en ámbitos reducidos. Xunto a palabra e unha pequena explicación do seu significado pode achegarse o seu lugar de procedencia e unha fotografía ou ilustración que axude a describila. Poden usarse os hashtag #PalabrasPoucoUsadas e #GalegoDeValdeorras”.

Esta será “unha pequena homenaxe desde Valdeorras, en tempo de confinamento, para Ricardo Carvalho Calero (1910-1990) historiador da literatura, crítico literario, filólogo, lingüista e escritor galego, a quen se lle dedica este ano o Día das Letras”, destacan dende o departamento de Cultura barquense.

Ademais matízase que a programación que estaba inicialmente prevista para a semana do 17 de maio aprazarase ata a semana do 31 de outubro, data na que a Academia Galega acordou facer os actos na honra de Ricardo Carvalho Calero.

Máis actividades das Letras Galegas no Barco:

A Biblioteca do Barco convida a debuxar as Letras Galegas

 

Artigos relacionados

Back to top button