En portadaÚltima hora

O Barco prepara os parques infantís para a súa reapertura ao público

O Concello pretende proceder á apertura paulatina das instalacións unha vez executados todos os procedementos establecidos pola Xunta e "buscando sempre garantir a seguridade dos nenos, así como das súas familias"

Un dos parques infantís do Barco, aínda precintado./ Foto: A.R.

 

Nesta mañá o Concello do Barco vén de iniciar a posta a punto de cara a reapertura dos seus  parques infantís, pistas de skate e outras instalacións, algo permitido a partir deste luns 15 de xuño, coa estrea da “nova normalidade”.

“Unha vez analizadas ás condicións sanitarias establecidas para elo polo goberno galego, o Concello do Barco iniciou esta mañá a limpeza e desinfección destes recintos, así como a adopción de diferentes medidas sanitarias para que estas instalacións poidan seren utilizadas con todas as garantías pola veciñanza do Barco”, explican dende esta administración local.

Neste senso, o Concello do Barco pretende proceder á apertura paulatina das instalacións unha vez executados todos os procedementos establecidos pola Xunta e buscando sempre garantir a seguridade dos nenos e nenas, así como das súas familias.

“Cando se leve a cabo a apertura dos recintos se colocarán carteis cos aforos máximos en cada unha das instalacións, establecidos en función da norma da Xunta de Galicia. O Concello procederá á súa limpeza e desinfección todos os días, e recomendase aos usuarios dos recintos o uso da xel desinfectante antes e despois do uso das instalacións, ao tempo que se lembra a necesidade de cumprir as normas xerais en materia de distanciamento e uso de máscaras”, informa o Concello.

Ademais a administración local barquense resalta que o “cumprimento destas medidas supón un intenso traballo de organización por parte do Concello, que non pode asumirse dun día para outro ademais dun custo importante. Dous días, desde que a Xunta publicou as medidas de
seguridade ás que se obriga aos concellos, é moi pouco tempo para poder abrir todos os parques do municipio. Esta decisión evidencia a falla de sensibilidade e coñecemento da realidade por parte do goberno galego, que está a exercer unha presión esaxerada aos Concellos, que son os que deben cumprir nunha fin de semana cunhas directrices establecidas de xeito un tanto precipitado por outra administración”.

En todo caso, indícase que o Concello do Barco “tentará facer os traballos de preparación dos parques o antes posible para que toda a veciñanza poda volver canto antes á normalidade, pero con garantías de que podan estar seguros nestes recintos”.

 

Artigos relacionados

Back to top button