ConcellosO BarcoÚltima horaVídeos

O Barco prepárase para a edición máis ambiciosa do SilFest Valdeorras

A VII edición do festival multicultural á beira do río Sil celebrarase do 21 ao 23 de xullo

 

Ilusionados e “con moitas ganas de volver a esa normalidade que todos botamos en falta”, a organización do SilFest Valdeorras presenta a edición máis ambiciosa da súa historia, en cartel (con grupos de primeiro nivel enriba do escenario), en programación e tamén en orzamento, esperando que o público de Valdeorras responda. “O de fóra si o está facendo moi ben, de feito estamos vendendo moitas entradas en Madrid, Salamanca, Burgos, Asturias,… hai trinta puntos de venda a maiores de Valdeorras porque do que se trata é de que veña xente de fóra para poñer Valdeorras e O Barco no mapa e por suposto o SilFest no mapa estival de festivais”.

Así o aseguraba Jorge Álvarez no acto celebrado na mañá deste xoves 14 de xullo á beira do río Sil, na praia fluvial do Barco de Valdeorras, o escenario “único” que acollerá a VII edición (contando a versión reducida do ano pasado), do festival multicultural que mestura música e natureza coa gastronomía e o viño como protagonistas.

 

Presentación do SilFest 2022.

 

Xunto a Jorge e José Carlos Vilor por parte da organización, no acto estaban o resto de partes implicadas. Polo Concello do Barco que colabora dende a primeira edición, os concelleiros de Cultura Margarida Pizcueta e de Turismo Eladio Santos; e por parte do Consello Regulador o seu presidente José Luis G. Pando, patrocinador principal do evento “porque o viño forma parte da cultura valdeorresa e como tal ten que estar presente no SilFest en forma de catas, venda de viño e demais, polo que estamos moi agradecidos”, aseguran, agradecendo tamén a colaboración do Xacobeo e de “todas as empresas da comarca que este ano responderon moito mellor do que esperábamos despois des dous anos convulsos que levamos”.

Tal como avanzaron a pogramación comezará xa o mércores 20 de xullo na praza Maior coa proxección dun concerto de bandas sonoras; o xoves 21 continuará con actividades gratuítas na praza do Sagrado e na praza Maior e xa o venres 22 e sábado 23 será a programación completa do festival “neste recinto único que temos á beira do río Sil e que nos converte nun festival único xa que non existe ningún outro destas características, con esta programación e nun espazo como este”, asegura Jorge.

 

Eladio Santos, concelleiro de Turismo do Barco, Jorge Álvarez, SilFest Valdeorras e José Luis G. Pando, presidente do C.R.D.O. Valdeorras.

 

A nivel concertos o programa é moi completo con preto de vinte artistas pero destaca sobre todo León Benavente “co cal damos un salto de calidade importante e iso obríganos dar un paso máis a nivel técnico cun escenario máis grande e un equipo de iluminación e son como nunca e iso fai crecer todo o festival”, puntualiza Jorge. Completan o cartel grupos de primeiro nivel, dende Sex Museum que celebran o 36 aniversario nos escenarios ata grupos máis noveis que non deixan de soar no circuíto festivaleiro (Levitants, Veintiuno,…), tendo tamén en conta aos artistas locais con Navegando a Barlovento, as Macizas Centrais ou a poeta Fátima Delgado. Destacado é tamén o Mini SilFest, ese festival paralelo adicado exclusivamente aos nenos co concerto de Magín Blanco e A Banda das Apertas e o Mago Deimi, ademais de xogos tradicionais, rocódromo, kaiak, etc para os dous días.

Outro dos atractivos do festival é o apartado gastronómico. “Coidamos moito a experiencia completa do asistente ao festival e ademais dos concertos de primeira liña e actividades como catas ou maridaxes, poderase comer churrasco, polbo, postres tradicionais, xamón asado, ademais de contar cunha Food Truck con pizzas, bocadillos ou hamburguesas durante eses dous días”, concluía Jorge.

 

 

Dende a área de Cultura, Margarida Piscueta agradece ao SilFest ter escollido a Praia fluvial do Barco para a celebración deste festival, “convertido nun festival de referencia e o segundo evento máis importante en Valdeorras, despois das festas do Cristo, a nivel económico e de programación polo que temos que temos que estar aquí apoiándoo. É un luxo poder contar cun evento coma este nun municipio tan pequeno como O Barco, grazas á iniciativa privada, na que destaca a programación de luxo, non só pola calidade dos grupos senón polos detalles coidado e pensado”, dixo.

Eladio Santos pola súa banda, valora o SilFest como “un recurso turístico de primeiro nivel no Barco, co bo gusto de mesturar a música que é cultura con recursos naturais nosos como este espazo á beira do río e con recursos gastronómicos e sobre todo enoturísticos”. Festivais hai moitos, dixo o concelleiro “pero que unan tantos recursos turísticos únicos, co cal a semana do SilFest será unha semana de promoción turística para Valdeorras”.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button