Flores, fiunchos ou musgo como materia prima artística para dar forma a unha anterga tradición que celebra a chegada da primavera. O Barco é unha das localidades galegas onde aínda pervive a Festa dos Maios, que enche cada primeiro de maio de fermosas esculturas vexetais e do son de satíricas coplas o centro da vila.
Como o pasado ano, o escenario da celebración será a praza do Príncipe de Asturias. Os actos comezarán ás 11:30h. coa apertura dunha mostra de produtos de alimentación e artesanía. Ademais chegarán á praza os Maios que participarán no concurso, tanto enxebres como artísticos.
Ás 12:30h. darase paso a actuacións de música e baile tradicional. Polo escenario da praza do Príncipe pasarán os grupos Abertal da Rúa, con música, pandeireteiras e baile, e o grupo Aires del Cabrera de Pombriego que actuará no Barco por primeira vez, ofrecendo unha mostra do rico folclore da veciña comarca leonesa.
Ás 13:30h. cantaranse as coplas e pola tarde (17:30h) será a representación de teatro guiñol que ofrecerá Mircromina Títeres baixo o título de “Vacacións no mar”. Ás 19:30h. daranse a coñecer os premios e finalizará a festa. O Centro Comercial Aberto participa xunto co Concello do Barco na organización desta festa.