ConcellosÚltima hora

O Barco presenta a programación do “III De Perto”

Este programa cultural comezará o 26 de xuño e contará con nomes como Quico Cadaval, Roberto Sobrado ou Celso F. Sanmartín

 

Eduardo Ojea, concelleiro de Cultura en funcións do Barco, na presentación de "Deperto" xunto ao alcalde, Alfredo García, e ao técnico de Cultura, Gustavo  Docampo./ Foto: Ángeles Rodríguez.
Eduardo Ojea, concelleiro de Cultura en funcións do Barco, na presentación de “Deperto” xunto ao alcalde, Alfredo García, e ao técnico de Cultura, Gustavo Docampo./ Foto: Ángeles Rodríguez.

 

Concertos, narración oral, música e cinema. Arredor destes contidos xirará a terceira edición do programa “De Perto. Outros espazos para a cultura”, deseñado dende a Concellería de Cultura do Barco e que se desenvolverá entre o 26 de xuño e o 17 de xullo. “Son cinco concertos, tres proxeccións, unha actividade de folclore e dúas de narración oral que se realizarán en diversos espazos da vila, pero tamén dos pobos. Boa parte deles teñen formado parte do programa noutros anos, aínda que desta volta tamén hai zonas novas como é o caso da beira do Sil, no Malecón”, comentaba o concelleiro de Cultura en funcións do Barco, Eduardo Ojea, na presentación dos actos.

Dentro do abano de propostas mestúrase a participación das agrupacións locais, como é o caso da Banda de Música do Barco ou Abertal, con nomes de referencia do teatro ou da música galega. “Pensamos que é unha programación heteroxénea e potente”, matizaba Ojea. Así o programa comezará o 26 de xuño ás 20:30h. cun concerto da banda de música barquense, que dirixe Manuel Prada, no patio das escolas de Éntoma. Ao día seguinte, ás 22:30h. terá lugar unha actuación da Agrupación Abertal da Rúa no Parque do Chao e o 30 de xuño, tamén ás 22:30h., nos Xardíns da Casa Grande, proxectarase o documental “Funes, o inventor da lúa” de Enrique Otero.

Xa no mes de xullo, o Orfeón Valdeorrés cantará o día 2 ás 20:30h. na Igrexa de Santa María da Pobra, o día 3 tocará o grupo Roberto Sobrado ás 22:30h. na praza Maior e o 7 de xullo poderá verse “A viaxe dos Chévere”, de Alfonso Zarauza, ás 22:30h. nos Xardíns da Casa Grande.

 

Eduardo Ojea, intervindo nun dos momentos da rolda de prensa./ Foto: Ángeles Rodríguez.
Eduardo Ojea, intervindo nun dos momentos da rolda de prensa./ Foto: Ángeles Rodríguez.

 

Ademais o día 8 de xullo contarase con Quico Cadaval ás 22:30h. na beira do Sil, no Malecón, quen desenvolverá un espectáculo de narración oral. O día 10 de xullo Fran Pérez (Narf) actuará no Malecón ás 22:30h. e o 14 de xullo os Xardíns da Casa Grande acollerán un novo documental, nesta ocasión será “O piloto” de Xosé Reigosa.

O programa de “De Perto” completarase co narrador oral Celso F. Sanmartín o 17 de xullo ás 22:30h. na Pradeira da Bada (Casas Baratas). “O proxecto desta edición é ambicioso e espero que sexa do gusto da xente”, comentaba na presentación de Deperto o alcalde do Barco, Alfredo García, “este programa vai calando e gustou o feito de sacar a cultura fóra da vila do Barco e de achegala tamén aos núcleos rurais”.

Texto: Ángeles Rodríguez

Máis información na edición en papel do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button