En portadaÚltima hora

O Barco presenta a sexta edición da súa ruta de pinchos

Desenvolverase do 14 ao 24 de xaneiro e nela participarán unha vintena de establecementos de hostalaría da vila
A presidenta do Barco CCA, na presentación da ruta de pinchos./ Foto: Ángeles Rodríguez.
A presidenta do Barco CCA, na presentación da ruta de pinchos./ Foto: Ángeles Rodríguez.

Bacallau ao cubeto ou á tona, sardiña rechea de pementos, polbo con pataca cocida ou zorza de porco celta sobre leito branco. Son só algunhas das case vinte propostas diferentes de pincho estrela que, ao prezo de 1,5 euros, poderá degustarse entre os días 14 e 24 de xaneiro na VI Ruta de Pinchos “O Barco Vai de Viños”.

Algúns dos pinchos que poderán degustarse na ruta./ Foto: Ángeles Rodríguez.
Algúns dos pinchos que poderán degustarse na ruta./ Foto: Ángeles Rodríguez.

Esta iniciativa, que promove O Barco Centro Comercial Aberto e a Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA) en colaboración co Concello barquense, presentábase na mañá do 12 de xaneiro nun acto celebrado na praza de abastos da vila. Nel amosábanse boa parte das suxerencias culinarias que, en cuestión dunha semana, poderán degustarse neste percorrido que estará estruturado en tres zonas.

Este acto de presentación tiña lugar na praza de Abastos do Barco./ Foto: Ángeles Rodríguez.
Este acto de presentación tiña lugar na praza de Abastos do Barco./ Foto: Ángeles Rodríguez.

Dende hai uns días nos locais de hostalaría participantes xa se pode recoller un folleto informativo que inclúe información sobre os pinchos e tamén sobre a ubicación dos diferentes establecementos, tal e como explicaba a presidenta do Barco CCA, Sandra Moldes, na presentación. Ademais, co fin de fomentar a participación nesta ruta, haberá premios. No traxecto polos locais cada participante levará un boleto cuxos apartados poderá ir selando nos establecementos e tras consumir o seu pincho. Cando obteña o selo dun mínimo de cinco locais da ruta poderá entrar no sorteo de catro ceas para catro parellas. Para iso deberá depositar ese boleto nunha urna que se instalará no Concello Vello do Barco (en horario de mañá) ata o 26 de xaneiro. Moldes tamén agradecía o apoio do Concello do Barco nesta ruta, así como o das empresas que colaboran e a implicación dos establecementos participantes.

Algúns dos hostaleiros participantes na ruta, coa presidenta do Barco CCA, a concelleira de Comercio e o alcalde barquense na rolda de prensa./ Foto: Ángeles Rodríguez.
Algúns dos hostaleiros participantes na ruta, coa presidenta do Barco CCA, a concelleira de Comercio e o alcalde barquense na rolda de prensa./ Foto: Ángeles Rodríguez.

Pola súa banda, a concelleira de Comercio e Turismo do Barco, Irene Dacal, destacaba a importancia desta iniciativa e animaba a veciños e participantes a sumarse a ela e a desfrutar deste conxunto de propostas gastronómicas. Xunto a edil, o alcalde do Barco, Alfredo García, resaltaba o esmero posto polos hostaleiros na elaboración dos pinchos e tamén a súa profesionalidade.

Máis información na edición en papel do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button