En portadaÚltima hora

O Barco presenta un plan de investimentos 2020/23 de 6,1 millóns de euros

Inclúe intervervencións tanto na vila como en todos os núcleos rurais do municipio, tal e como sinalaba o alcalde, Alfredo García

 

Un total de 6.194.415 euros. É a cantidade que o goberno municipal barquense prevé destinar ao Plan de Investimentos 2020-2023, que inclúe actuacións tanto no casco urbano da vila como nos núcleos rurais. Así o sinalaba o alcalde do Barco, Alfredo García, esta mañá en rolda de prensa.

O rexedor comezaba lembrando que este é segundo plan deste tipo que se presenta no Barco, tras o do trienio 2017-2020, de 3,2 millóns de euros, que ao final pasaron a ser 5,6 millóns de euros. “O plan de obras é un ente vivo e sobre a marcha poden ir xurdindo cousas, se hai unha urxencia ou simplemente que xurde a posibilidade de solicitar unha subvención para solicitar algo que non estaba recollido”, indicaba Alfredo García. Deses 5,6 millóns de euros, “executamos o 89% das obras, polo tanto, creo que foi unha lexislatura moi proveitosa”.

Agora, o goberno municipal plantexa un plan similar para esta lexislatura que contempla actuacións en todos os núcleos do municipio e na vila. Neste último caso inclúense proxectos como as actuacións no novo Museo da Minería (300.000 euros), que pretende abordar esta actividade dende o ouro da época romana ata a actualidade co sector da lousa, a mellora da avenida do Bierzo (780.000 euros), o paso soterrado da vía fronte a rúa Xirimil (700.000 euros), actuacións dentro do Plan de Mobilidade Sostible (200.000 euros) ou a intervención na praza das Airas (114.000 euros) no casco vello barquense, entre outras moitas.

Ademais prevense actuacións no rural, entre as que sobresaen a mellora no arroio en Veigadecabo (280.000 euros), o asfaltado da estrada Santigoso-Santa Mariña (177.000 euros),  arranxo do entorno da igrexa de Xagoaza (110.000 euros), o abastecemento e pavimentación en Santigoso (100.000 euros) ou a segunda fase de rehabilitación no Castro (305.000 euros) ou a mellora na rúa Cimadevila (Viloira), entre outras.

Fotos: A.R.

 

Artigos relacionados

Back to top button