ConcellosEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

O Barco presenta un plan de investimentos a tres anos de 2,7 millóns de euros

Este proxecto estará incluído na documentación que analizarán os grupos políticos antes do pleno dos orzamentos, que se celebrará a finais de marzo

“É moi ambicioso e non se financiará necesariamente con diñeiro municipal, senón que esperamos que esta cofinanciado por outras Administracións”. O alcalde do Barco, Alfredo García, referíase deste xeito ao plan de investimentos municipais que o equipo de goberno barquense vén de deseñar de cara aos vindeiros tres anos e cuxo orzamento se estima en 2,7 millóns de euros.

Este plan, segundo adiantaba o rexedor barquense en rolda de prensa, está estruturado en tres apartados e inclúe unha serie proxectos “que non están colocados necesariamente por orde de preferencia”. O primeiro deses apartados está centrado nos edificios e instalacións municipais e abrangue, entre outras actuacións, a ampliación da escola infantil municipal (con tres anualidades e un orzamento total duns 500.000 euros), unha nave para maquinaria industrial (case 200.000 euros) e a pista polideportiva de Vilanova (cun importe total de 150.0000 euros e de cuxa financiación ser fará cargo a Xunta).

O segundo bloque de intervencións refírese á recuperación do patrimonio, con iniciativas como a rehabilitación da casa de peóns camineiros de Viloira (100.000 euros), a restauración do muíño de Tremiñá (23.000 euros), a recuperación da ponte da Proba e da muralla da vila do Castro, a posta en valor do xacemento romano de San Salvador, a construción de novos miradoiros (un deles por riba de Alixo), etc.

Finalmente, o terceiro grupo de accións que contempla o plan son as referentes aos servizos públicos, entre eles figuran plans de aforro enerxético, acondicionamento de rúas, mellora nos accesos aos pobos, bacheado de rúas e unha memoria para valorar o que custaría a construción de dous depósitos circulares de almacenamento de auga que “evitarían calquera problema no suministro ao municipio”, aseguraba o alcalde.

Este plan formará parte da documentación que o equipo de goberno barquense lle entregará aos grupos da oposición na comisión da vindeira semana na que se abordarán os orzamentos. Despois, o proxecto xeral de orzamento do Barco para este ano pasará ao pleno a finais de marzo.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button