ConcellosÚltima hora

O Barco prioriza a atención telefónica e telemática nos centros de traballo municipais e pecha as instalacións locais

A Comisión de Sanidade do Concello vén de aprobar unha serie de medidas adicionais que se veñen de publicar nun bando

Exterior da Casa Consistorial do Barco./ Foto: A.R.

 

A Comision de Sanidade do Concello do Barco vén de reunirse neste venres 13 de marzo de xeito urxente e decidía, por unanimidade, a adopción dunha serie de medidas adicionais ás tomadas onte, “que unen a protección da saúde das persoas e empregados públicos, coa adecuada prestación dos servizos públicos”. Medidas que veñen de facerse públicas a través dun bando do Concello.

Así, en primeiro lugar, “a partir do día 13 de marzo de 2020 e ata que se decida a súa reversión” suspéndese “as Escolas Deportivas municipais, Gardería municipal, Conservatorio, Escola de Música e Biblioteca” e todas estas instalacións pecharanse ao público”. Suspéndese tamén “toda a actividade cultural do Concello, incluído o peche do Teatro Lauro Olmo”.

Tamén se ordea dende o Concello o peche “das instalacións deportivas, e polo tanto, a suspensión de todas as actividades deportivas programadas, o precinto dos espazos de xogo infantís e suspender de maneira temporal e cautelar as cesións de espazos municipais para os supostos de actividades que impliquen afluencia de persoas”. Ademais suspéndese “as autorizacións de ocupacións de vía pública concedidas”.

O bando dertermina tamén como será a atención nos centros de traballo municipal. “Nos servizos de atención ao público priorizarase a atención telefónica e telemática. A atención ao público nas dependencias municipais limitarase só a casos de extrema necesidade, chamando con anterioridade para verificar dita necesidade da presenza do veciño/a. Vía Telefónica: 988320202. Vía telemática: Poden entrar na sede electrónica municipal: https://sede.concellodobarco.org/ En caso de presenza física na Casa do Concello disporase dunha distancia mínima dun metro co público, un tempo máximo de 15 minutos de atención e evitarase o contacto físico”.

Na medida do posible, di o bando, evitaranse as reunións de traballo, “dispóndose en todo caso a suspensión daquelas que impliquen desprazamentos a outra localidade” e, “en supostos debidamente xustificados, permitirase modalidades non presenciais de traballo, previa autorización da Alcaldía co obxectivo de garantir a prestación dos servizos públicos”.

En canto ás probas selectivas, “pospóñense, polo tempo imprescindible –, a celebración de probas selectivas, especialmente aquelas de concorrencia masiva”, citando o bando.

Finalmente, dende o Concello fanse unha serie de recomendacións de hixiene de carácter xeral:

  • Evitar o estreitamento de mans nos saúdos de cortesía.
  • Lavado regular de mans.
  • Evitar tocarse ollos, nariz ou boca se non hai lavado previo e adecuado das mans.
  • Control da tose: En caso de tose, tusir sobre pano, cóbado ou manga.
  • Non compartir bebidas nin alimentos nin menaxe común.
  • No caso de compartir computadores e teclados, aplicaranse as medidas de lavado de mans antes e despois de iniciar a quenda.
  • Ventilación de todas as dependencias dúas ou tres veces ao día.

Tamén se recomenda á poboación r”ealizar unicamente os desprazamentos imprescindibles, permanecendo no fogar, principalmente, aos grupos de poboación de risco, sendo estes as persoas maiores, os nenos, e aquelas persoas con patoloxías previas”. Tamén se aconsella “ás asociacións e entidades a suspensión de actividades programadas nas súas propias instalacións cando se prevexa a afluencia importante de persoas”.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button