EconomíaEconomíaÚltima hora

O Barco recibe 800.000 euros do IDAE para renovar instalacións de alumeado público

O proxecto, que afectará a 34 centros de mando da vila, suporá un investimento total de 1 millón de euros, no cal o Concello aportará o 20%
O alcalde do Barco, Alfredo García (á dereita), xunto ao tenente de alcalde, Aurentino Alonso, na rolda de prensa./ Foto: A.R.

Evitar problemas de cortes de luz, lograr un gran aforro enerxético e económico e unha mellora na calidade lumínica do alumeado publico no Barco. Son algúns dos obxectivos que se conseguirán coa execución dun proxecto para a renovación integral de instalacións de alumeado público en 34 centros de mando do Barco. Así o explicaba o alcalde barquense, Alfredo García, nunha rolda de prensa na que comparecía, acompañado polo tenente de alcalde Aurentino Alonso, na mañá do 21 de xaneiro para anunciar que o Concello vén de recibir unha subvención do IDAE (Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía), con aportación de fondos Feder, para acometer esa actuación.

En concreto, o Concello do Barco recibirá 799.695,84 euros de axuda para un proxecto que incluirá a intervención no tendido eléctrico das liñas de cada un dos centros de mando seleccionado, así como a substitución de luminarias por leds. En total será un investimento de 1 millón de euros no que o Concello aportará só o 20% do total.

“Os centros de mando aínda non está seleccionados, pero comezaremos a traballar por onde máis problemas teñamos, iso vai ser o prioritario. Nos pobos, nun principio, non temos ningún problema porque os cables van polo aire, o complicado está cando eses cables van polo solo, e iso é sobre todo na zona urbana”, adiantaba o alcalde. O rexedor tamén confía en que a obra civil que implique esta actuación sexa só en zonas puntuais.

O Concello dispón agora de 6 meses para iniciar os trámites de adxudicación e outros 6 meses para ter adxudicada a obra. O prazo para completar esta actuación é de 30 meses, é dicir, debería estar finalizada o 30 de decembro de 2022.

 

Artigos relacionados

Back to top button