ConcellosÚltima hora

O Barco recita, interpreta e canta a Manuel María

A praza Maior da vila acollerá na tarde do 17 de maio un espectáculo de música e poesía con multitude de participantes
Unha das actuacións musicais do pasado ano no Día das Letras Galegas no Barco./ Foto: Ángeles Rodríguez.
Unha das actuacións musicais do pasado ano no Día das Letras Galegas no Barco./ Foto: Ángeles Rodríguez.

“Non hai canto tan fermoso, fino como un asubío” é o título do espectáculo co que O Barco celebrará o vindeiro 17 de maio o Día das Letras Galegas. Trátase dun acto moi especial que se celebrará a partires das oito da tarde na praza Maior da vila. Nel incluírase o “recitado e interpretación de poemas e cancións de Manuel María no que participarán varias agrupacións e artistas da comarca, achegando cada unha delas a súa particular maneira de ler e interpretar a obra do poeta chairego”, tal e como se adianta dende a Concellería de Cultura.

No espectáculo haberá recitado de poesía./ Foto: Ángeles Rodríguez.
No espectáculo haberá recitado de poesía./ Foto: Ángeles Rodríguez.

Será por tanto poesía e música compartida. Entre os participantes no espectáculo estarán os membros de Gargallada Teatro: Noemí Pinto, Sol Rodríguez, Reyes Limia, Manuel González, Lalo Santos e Manuel Caramés. Tamén poderá escoitarse ao cantautor valdeorrés Anxo Rei, así como a Coral Mariñán, Mauro Docampo, Jorge Álvarez & Armando Pérez, o Orfeón Valdeorrés e SdeRap.

Asemade no decurso deste acto terá lugar a presentación da reedición do Cancioneiriño de Valdeorras, realizada dende o Concello do Barco en colaboración coa Fundación Manuel María de Estudos Galegos.

Artigos relacionados

Back to top button