En portadaGalerías de fotosÚltima hora

O Barco reencóntrase coa pintura de Jesús Díaz Ferrer coa mostra “Crónica de maio. París 1968”

Inaugurarase o 30 de abril ás 20:30h. e está formada por 55 obras en papel e madeira, acrílicos e tintas augadas en cor e branco e negro que retratan aqueles feitos que este creador barquense viviu en primeira persoa en París e dos que agora se cumpren 50 anos

“É seguramente a única crónica pictórica dos sucesos do maio de 1968 en París”. Deste xeito describía a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, as obras reunidas na mostra “Crónica de Maio. París 1968”, que se abrirá ao publico o vindeiro 30 de abril ás 20:30h. na sala de exposicións de Abanca no Barco. Reúne 55 obras en papel e madeira, acrílicos e tintas augadas en cor e branco e negro, do artista Jesús Díaz Ferrer (O Barco, 1922 – Concud, Teruel, 2017). Son un retrato, a pé de rúa, dos sucesos acaecidos hai xa 50 anos nas rúas da capital francesa.

Constrúe “unha reportaxe cargada de creatividade e á vez chea de autenticidade e proximidade. Teñen tamén a singularidade de que a pintura social non se cultivaba moito nesa época e non se coñecen exemplos deste tipo sobre o maio do 68, o que lle dá un atractivo máis á mostra”, en palabras do historiador da arte e curador da mostra, Luís Enrique Rodríguez Arias “Coquixo”, que participaba xunto a concelleira de Cultura do Barco, na presentación ante os medios desta exposición, que supón un reencontro deste creador barquense coa súa vila de nacemento.

Jesús Díaz Ferrer é un artista polifacético e de intensa traxectoria que deixou O Barco aos 17 anos. Viviu en Madrid e París, participando nos movementos de vangarda que impregnan as súas creacións, ata o ano 1981, no que regresa a España para instalarse en Teruel. Este “artista valdeorrés universal” móvese entre o realismo, o expresionismo, un singular surrealismo e o onírico, facendo gala dun maxistral uso da cor para transmitir con acerto emocións e sensacións, segundo o describe Coquixo, que o descubría hai máis de 30 anos por casualidade durante a visita unha exposición colectiva de artistas galegos en Santiago de Compostela. Dende entón seguíu a súa pista ata chegar a coñecer persoalmente a este creador e investigar con profundidade a súa extensa e diversa obra.

 

Cartel da exposición.

“Cando Coquixo me comentou esta proposta no pasado outono, collín esa idea de recuperar tanto a figura de Díaz Ferrer como a obra deste pintor para a memoria dos barquenses. Contaxioume coa súa teima de recuperar a memoria esquecida deste autor e colocala no lugar que se merece. Esta exposición que traemos agora aquí é como unha escusa, usamos este 50 aniversario do maio do 68 para recuperar este artista”, destacaba Margarida Pizcueta. “É un pintor inmenso e isto é tan só unha pequena mostra da súa obra”, matizaba Coquixo.

Os debuxos e pinturas que se exporán no Barco son da colección de Micheline Langlois, a viúva do pintor, a quen acompañou durante 60 anos e que agora se “encarga de manter viva a súa memoria e que me fixo chegar todo este material”, comentaba Coquixo. Cedeuno para amosar esta obra e que fose coñecida en Galicia. O Concello do Barco produciu esta exposición, que coincide co 50 aniversario daqueles acontecementos. A mostra poderá visitarse ata o 14 de maio cun horario de 19h. a 21h. de luns a venres, e, xa os sábados de 12h. a 14h. e de 19 a 21h. Ademais estará aberta o 1 de maio pola mañá.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button