DeportesGalerías de fotosÚltima hora

O Barco, referente español na competición de descenso de augas bravas

Arrancan as probas nacionais que se desenvolverán no río Sil os días 21 e 22 de maio

Clubs de piragüismo cataláns, vascos, casteláns, asturianos e, por suposto, galegos. O Barco reúne a piragüistas de alto nivel de diferentes puntos do país que están a participar dende a mañá do 21 de maio nas probas españolas de descenso de augas bravas que se celebran nesta fin de semana no río Sil ao seu paso polo Barco.

O programa deportivo arrancaba pasadas as dez da mañá coa Copa España sprint individual. A saída situábase á altura do parque infantil do Malecón e a meta na zona so río próxima ao campo da festa. Nesta proba tomaban a saída seis padexeiros do Club Fluvial Barco (tres en categoría masculina e outros tantos na feminina). Entre eles estaba Jesús Rodríguez León quen, tras a primeira das dúas mangas, situábase en segunda posición en K-1 senior, só tras Pablo Andrés. Serán os resultados da segunda manga os que determinarán se hai cambios ou non no podio.

Numerosas persoas seguían o desevolvemento da proba dende as beiras do Sil ou dende a pasarela que conecta o Malecón coa área recreativa do Salgueiral. Xa pola tarde do sábado, terá lugar o Campionato de España sprint por patrullas en torno ás 16:30h. na mesma zona.

Fotos: Carlos G. Hervella/ Ángeles Rodríguez

Artigos relacionados

Back to top button