ConcellosÚltima hora

O Barco remite á CHMS o plan de encauzamento do Mariñán

Con este proxecto “estámonos adiantando aos problemas”, asegura o alcalde deste concello valdeorrés
O alcalde barquense, Alfredo García, na presentación do plan de encauzamento do Mariñán./ Foto: Ángeles Rodríguez.
O alcalde barquense, Alfredo García, na presentación do plan de encauzamento do Mariñán./ Foto: Ángeles Rodríguez.

 

Dende a igrexa de Veigamuíños ata a súa desembocadura no río Sil. Este o treito do regato Mariñán en torno ao que o Concello do Barco vén de realizar un proxecto de encauzamento que xa está en mans da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS). Así o explicaba en rolda de prensa na mañá do 5 de marzo o alcalde barquense, Alfredo García.

No marco do novo plan hidrolóxico da confederación, que inclúe as áreas de risco potencial por inundación desta conca coas conseguintes limitacións para o seu desenvolvemento urbanístico, hai dúas zonas do Barco afectadas principalmente: a do regato Mariñán e a do polígono industrial da Raña. Nas dúas está xa a traballar o Concello para buscar solucións ante futuras problemáticas, segundo adiantaba o rexidor barquense.

Detalle dun dos planos incluídos no proxecto, que xa está na CHMS:/ Foto: Ángeles Rodríguez.
Detalle dun dos planos incluídos no proxecto, que xa está na CHMS:/ Foto: Ángeles Rodríguez.

“Dende primeiros de agosto estamos traballando xa no plan do Mariñán, cruzando documentación e planos coa confederación hidrográfica e pensamos que este plan que xa lles remitimos pode ser o definitivo. Cando se mira o proxecto o efecto pode parecer grande, pero a solución non é moi complicada. O cauce válenos, pero temos que erguer un pouco os muros. O máximo que temos que levantar son uns 70 cm”, comentaba Alfredo García. Á hora de elaborar este proxecto os técnicos tiveron en conta dous parámetros principais: recrecer os muros entre 30 e 70 cm e enfoscar a pulir ben as paredes. “Facéndoo así a velocidade da auga é diferente e a capacidade de evacuación tamén”.

A presentación deste plan coincide ademais coa fase final da aprobación do plan hidrolóxico de conca que nestes momentos está a exposición pública. “Imos da man co desenvolvemento que se está a facer, estámonos adiantando aos problemas, defendendo así os intereses dos cidadáns”, di o alcalde barquense.

Artigos relacionados

Back to top button