CulturaCulturaÚltima hora

O Barco, segunda parada da xira da obra “O Charco de Ulises”

Esta montaxe do Centro Dramático Galego poderá verse o vindeiro sábado ás 20h. no Teatro Lauro Olmo

Unha das escenas do “Charco de Ulises”./ Cedida.

 

O “Charco de Ulises” é unha versión libre da Odisea, que sitúa este clásico de Homero nun contexto trasatlántico. Esta peza teatral (con texto de Santiago Cortegoso e dirección de Marián Bañobre e o propio Cortegoso) representarase o vindeiro sábado 6 de novembro ás 20h. no Teatro Lauro Olmo do Barco. Trátase dunha produción do Centro Dramático Galego con dez actores e actrices en escena.

Discorre en paralelo á Odisea, xerando un diálogo co mito orixinal para tratar o fenómeno da emigración galega cun marcado compoñente poético. Así, a proposta muda Ítaca por Galicia, Troia por Bos Aires e o Mediterráneo polo Atlántico.

Fran Paredes e Inés Salvado encarnan os papeis de Ulises e Penélope, encabezando un elenco que completan Óscar Allo, Miguel Borines, Mónica Camaño, Rosalía Castro, Raquel Espada, Manuel Millán, Chusa Pérez de Vallejo e Paulo Serantes, ademais do músico Xosé Lois Romero.

No equipo artístico figuran Pablo Giráldez O Pastor no deseño da escenografía, Saturna no de vestiario, Salvador del Río na iluminación, Xosé Lois Romero no espazo sonoro, Ezequiel Merlo na Coreografía Tango, María Costas no traballo de voz, Baia Fernández na caracterización, Carmela Bueno na asistencia de dirección e Xandre Vázquez na de produción e Keka Losada na de produción en xira.

Artigos relacionados

Back to top button