CD BarcoDeportesFútbolGalerías de fotosÚltima hora

O Barco supera a primeira proba de nivel da tempada cunha vitoria ante o Atlético Bembibre

Co 2-3 remataba o amigable disputado na tarde do 4 de outubro no campo da Devesa, na localidade leonesa

 

Tres semanas despois de presentar ao equipo e comezar a pretempada, o CD Barco tiña en Bembibre (León) a primeira (e pode que única) proba de nivel desta peculiar campaña marcada polo coronavirus, e o resultado non pudo ser mellor para equipo de Manolo Pérez, que vencía por 2 goles a 3 ao Atlético Bembibre.

Na tarde deste domingo 4 de outubro, o once titular do Barco (Oviedo, Segura, De Pedro, Marc Vicente, Omar, Ruben García, Ivi Vales, Villar, Juanito, David Álvarez e Iván Tato), saltaba ao terreo de xogo no campo da Devesa, na localidade berciana, para comezar o primeiro partido despois da semifinal do play off polo ascenso en Balaídos. Do outro lado do campo, o Atlético Bembibre, con varios amigables xa disputados, adiantábase no marcador no minuto 12 nunha combinación entre Willy e José Manuel que tras un pase deixaba a Roberto no man a man que regateaba a Oviedo e facía o 1-0. O conxunto berciano tiña dúas oportunidades case seguidas pero era Ivi Vales quen marcaba para O Barco no minuto 40 poñendo o empate no marcador.

 

Ivi Vales marcou o primeiro gol do partido para o CD Barco.

 

Co 1-1 chegaba o descanso e tralo paso polo vestiario Rodri Alonso facía acto de presenza no campo marcaba o gol do desempate a favor do Barco no 65′. Menos de dez minutos despois, Rodri volvía marcar (1-3) aumentando a distancia co equipo local que recurtaba de novo co gol de Albertín ao transformar un penalti. Sen apenas tempo para máis o árbitro pitaba o final co 2-3 no marcador.

Primeira proba e primeira vitoria para o Barco de Manolo Pérez que o vindeiro 18 de outubro, se nada o impide, comezará a liga en terceira división xogando no campo do Estradense.

Fotos: Carlos G. Hervella excepto a segunda da galería que é do Attético Bembibre.

Artigos relacionados

Back to top button