En portadaGalerías de fotosÚltima hora

O Barco vístese de moda coa pasarela outono-inverno do CCA

Unha vintena de establecementos comerciais participaron no desfile celebrado no paseo do Malecón

Cos organizadores, modelos e comerciantes, bailando ao ritmo do popurrí de cancións de Eurovisión interpretadas por Lucía Pérez, remataba a “Pasarela O Barco de Moda Outono-Inverno 2018/19” celebrada na tarde-noite do 21 de setembro no paseo do Malecón, da man do Centro Comercial Aberto. Un desfile no que os protagonistas foron os veciños do Barco de Valdeorras. Tanto na vintena de comercios que participaron (de moda, complementos e mesmo servizos), como nos 55 cativos e 20 adultos que desfilaron, todos seleccionados en sendos castings previos.

O desfile iniciábase pasadas as nove da noite pero horas antes comezaban os preparativos. Entre bambalinas, uns modelos eran maquillados, outros peiteados e outros probaban roupa. Fóra das carpas, colocábanse a pasarela con alfombra fucsia e as cadeiras, escasas para a multitude de xente que seguíu a pé de rúa cada un dos pases.

Coa eurovisiva Lucía Pérez como mestra de cerimonias, o acto comezaba coa benvida e agradecemento aos participantes e asistentes por parte da presidenta do CCA O Barco, Sandra Moldes e de seguido, eran os cativos os que arrancaban os primeiros aplausos desfilando para Koki. Despois tocaríalle o turno a Librería e Complementos Murciego, Casabella e Mercería Mayte. As últimas tendencias en moda infantil daban paso ás propostas de moda para adultos con Miranda X, Prenda moda curvy e Garoba, e de Anaóptica. Os modelos tamén desfilaron con prendas e calzado de Baamonde, Costuritas e Nº 37, cos complementos de Pamen Estética, coas gafas de Multiópticas Valdeorras, cos modelos de Can-Can, Miranda M e Pizpireta e cos produtos de beleza e perfumería de Ana de la Puente que agasallou ao público con maquillaxe e unha sesión de zumba previa. No apartado de servizos, tamén participaron no desfile o Periódico O Sil, D’Chus e perruquería Margot.

Ademais de presentar e demostrar as súas dotes de improvisación sorteando pequenos problemas do directo, a cantante galega Lucía Pérez, deleitou ao público cun par de temas do seu novo disco Cuatro soles co que celebra 15 anos no mundo da música, poñendo o broche a esta edicion da pasarela coa interpretación do tema Que me quiten lo bailao co que representou a España no Festival de Eurovisión no ano 2011.

Con este desfile, o CCA O Barco pretende “servir de axuda para impulsar e dinamizar o espazo comercial”, en palabras da súa presidenta, que estivo acompañada polo resto da directiva, de membros da directiva de AEVA, da concelleira de Comercio e Turismo do Barco Irene Dacal, do tenente de alcalde Aurentino Alonso e da presidenta da Federación de Comercio de Ourense Beatriz Gómez, entre outros. Ao fronte da organización, a Agencia Luena de Ourense dirixida por Manu Varela.

Máis fotos no seguinte enlace: https://osil.info/un-percorrido-fotografico-polo-desfile-o-barco-de-moda/

Fotos: Carlos G. Hervella, agás a penúltima da galería que é de Ángeles Rodríguez.

Artigos relacionados

Back to top button