ConcellosÚltima hora

O Barco xa ten plan de seguridade

Este documento aprobábase na reunión da Xunta de Local de Seguridade celebrada o 7 de marzo no Concello
Membros da Xunta Local de Seguridade do Barco, antes da reunión.
Membros da Xunta Local de Seguridade do Barco, antes da reunión.

A Xunta Local de Seguridade do Barco vén de dar luz verde ao seu Plan de Seguridade co que se pretende dotar ao municipio dunha ferramenta eficaz para a xestión sistemática da seguridade cidadá, que repercuta nunha mellora da mesma, e que garanta o exercicio dos dereitos e liberdades dos cidadáns deste concello valdeorrés.

Esta reunión, co-presdida polo alcalde do Barco, Alfredo García, e polo subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, tiña lugar na mañá do 7 de marzo no edificio multiusos barquense. Nela tamén participaron os representantes das diferentes Forzas e Corpos de Seguridade e Policía Local.

No novo Plan de Seguridade establécense as “canles e procedementos necesarios para lograr unha coordinación e cooperación eficaz entre os distintos Corpos de Seguridade, e deseña as prioridades de actuación e as accións conxuntas e as campañas de prevención que contribúan á mellora da seguridade cidadá. Así mesmo, concreta as fórmulas que garantan o intercambio fluído de toda a información que puidese ser relevante para a seguridade dos cidadáns da comarca, e contempla os plans específicos de colaboración e coordinación a desenvolver no municipio con motivo da celebración de eventos extraordinarios”, segundo se informa dende a Subdelegación do Goberno en Ourense.

Outro dos puntos destacados da orde do día foi a sinatura do Protocolo de colaboración e coordinación entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e os Corpos da Policía Local para a protección das vítimas de violencia doméstica e de xénero.

Ademais no encontro deuse conta dos informes en materia de seguridade cidadá que amosan “unha tendencia á baixa do total de delitos na comparativa dos anos 2012-2013, tendencia que se mantén no que levamos de ano 2014”, tal e como se asegura dende a Subdelegación.

Texto: O Sil/Redacción Foto: Ángeles Rodríguez

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button