DeportesPiraguismoÚltima hora

O barquense Adrián Prada, terceiro en K-1 sénior no I Descenso Ourense Provincia Termal

Valdeorras colleitaba outros 4 podios nas categorías K-2 cadete masculino, K-1 máster masculino, K-2 máster masculino e K-2 máster feminino

 

Destacada actuación dos padexeiros valdeorreses na primeira edición do Descenso Ourense Provincia Termal, que se disputaba esta mañá no río Miño, con saída dende a cidade das Burgas e meta no Balneario de Laias (Cenlle), o que supoñía un percorrido de 17 km.

Sobresaía o terceiro posto en K-1 sénior do barquense Adrián Prada Pérez, piragüista do Club P. Verducido-Pontillón, cun tempo de 1:4:23.12. Tan só era superado por Iván Alonso Lage do Club Olívico de Vigo, un destacado padexeiro con varias medallas mundiais na modalidade de maratón; e polo seu compañeiro de club e amigo Joaquín Iglesias. Para Adrián Prada esta era unha cita preparatoria de cara ao mundial de maratón Sub23 ao que ten previsto acudir en setembro en Romanía.

 

Adrián Prada no podio en K-1 sénior, xunto a Iván Lage, o ganador, e Joaquín Iglesias, segundo clasificado./ Foto: Lois Prada F.

 

Outro podio valdeorrés viña da man do irmán deste barquense, Raúl (C. P. Verducido-Pontillón), que se proclamaba campión en K-2 cadete 5.000, xunto a Miguel Anxo Franco. Completaban o percorrido cun tempo de 00:29,07.

Ademais o Fluvial Barco colleitaba dous podios neste descenso ourensán. Así Fernando García quedaba terceiro en K-1 máster, nunha categoría na que vencía Raúl Piñeiro (Escola Ourensá Municipal), mentres que Roberto Núñez e José Luis González impoñíanse en K-2 máster.

Finalmente a barquense Kissy Torres (Club Fluvial Avión-Castrelo de Miño) vencía en K-2 máster feminino, xunto a Mónica Piñeiro.

Na clasificación por clubs, na que dominaba claramente a Escola Ourensá de Piragüismo con 1.186 puntos, o Fluvial Avión era terceiro e o Fluvial Barco quedaba nunha décima posición.

Fotos: Lois Prada F., excepto as catro últimas imaxes da galería que son da Fegapi.

Artigos relacionados

Back to top button