DeportesGalerías de fotosÚltima hora

O barquense Iván Fernández, ganador absoluto da I Carreira da Veiga

A proba, desputada o 16 de agosto, contaba con máis de 150 participantes entre atletas e andaríns

Cun notable éxito de participación botaba a andar na mañá do 16 de agosto a I Carreira e Andaina da Veiga. Máis de 150 persoas se inscribían nesta cita que se poñía en marcha pasadas as once da mañá cando o alcalde veigués, Juan Anta, daba a saída ás 80 persoas da andaina. Unha hora despois tomaban a saída os atletas. Ambos afrontaban un traxecto similar duns 8 km de distancia e cun marcado desnivel. Ao remate destas dúas actividades, a partir das 13:00 horas, era a quenda para os máis cativos, que participaban en carreiras de diferentes categorías.

Na proba atlética dos maiores o mellor resultado absoluto lográbao Iván Fernández, un atleta natural de Santigoso (O Barco), que completaba o circuíto cun tempo de 29,46. O segundo posto correspondíalle ao tamén barquense Pablo Israel Rodríguez (Adas) cunha marca de 30,37, seguido a escasos dez segundos do veigués Damián Anta (Adas).

En categoría feminina absoluta o primeiro posto conquistábao Iria Fernández (Comesaña), mentres que as atletas do Adas Ana García e Maribel García quedaban segunda e terceira, respectivamente.

Esta dobre cita deportiva vén de ser organizada polo Concello da Veiga e pola Deputación de Ourense en colaboración coa Delegación Valdeorresa da Federación Galega de Atletismo (FGA). Para o seu desenvolvemento tamén se contou co apoio de Protección Civil da Veiga e da Garda Civil.

Fotos: Carlos G. Hervella
Máis información na vindeira edición en papel do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button