DeportesGalerías de fotosÚltima hora

O barquense Iván Fernández imponse na 5ª Carreira Popular da Veiga

Esta proba deportiva, celebrada na mañá do 11 de agosto, incluía tamén unha andaina

Dobre cita deportiva na mañá do 11 de agosto na Veiga. Esta localidade acollía a V Carreira e Andaina Popular Trevinca-A Veiga, que se iniciaba ás 10:30h. dende a praza do Concello. A esa hora dábase a saída aos 34 participantes na andaina, cun percorrido de 8.000 metros. Unha hora despois era a quenda dos atletas da carreira de maiores cun total de 43 participantes (en categorías que ían dende os Sub16 ata os másters).

Nesta competición dábanse dúas voltas a un circuíto de 3.000 metros e nela impoñíase con notable vantaxe o atleta barquense Iván Fernández (máster A) cun tempo de 23,44, seguido de Alexandre Fidalgo de Ourense (Sub23-sénior) e do tamén barquense Abel Nogueira (Sub-23-sénior). A primeira muller en cruzar a liña de meta era Hildegart González de Navarra (Máster A), seguida moi de preto pola barquense Elena Domínguez (Tribu Trail) e, en terceiro lugar, entraba Carmen Santa María da Veiga  (Máster C).

Ademais esta proba incluía unha serie de carreiras nas categorías Sub-16, Sub-14, Sub-12 e Sub-10, ademais de prebenxamíns. O evento (organizado polo Concello da Veiga en colaboración coa Delegación Valdeorresa da Federación Galega de Atletismo e co Adas do Barco) concluía na Praza do Concello co acto de entrega de trofeos aos mellores clasificados e tamén cun sorteo dunha serie de produtos da zona entre os participantes tanto na andaina como na carreira.

Fotos cedidas pola organización.

 

Artigos relacionados

Back to top button