ConcellosÚltima horaVilamartín

O barquense Iván Prieto, autor do cartel do III Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán

Os textos poderán presentarse ata o 1 de setembro e haberá un premio único de 3.000 euros

 

Se na anterior edición convocada no ano 2019 estaba baseado nunha escultura de Anxo Baranga, nesta III edición do Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán quixeron volver contar cun artista valdeorrés para o deseño do cartel. “Para nós é importante misturar todas as artes polo que sempre traballamos co cinema, coa escultura, coas artes gráficas,… e desta volta presentamos un cartel creado por Iván Prieto”.

Así o presentaba Débora Álvarez, directora do proxecto As Letras de Florencio, na mañá deste luns 21 de xuño no Concello de Vilamartín de Valdeorras, nun acto no que estivo acompañada pola alcaldesa de Petín Raquel Bautista; e polos concelleiros de Cultura da Rúa, José Vicente Solarat; Vilamartín, Claudia Núñez e O Barco, Margarida Pizcueta; así como polo presidente do IEV, Aurelio Blanco Trincado.

Débora asegurou que se ben é a primeira vez que Iván Prieto colabora con este proxecto “xa participara hai anos nunha exposición de artistas valdeorreses en Córgomo no 2003 polo que non é novo o seu apoio a FDG e por suposto á candidatura”.

 

O cartel do III Premio de Poesía FDG, obra de Iván Prieto.

 

Con respecto ao cartel presentado hoxe, está realizado coa técnica do colage coa superposición do papel como soporte, “do mesmo xeito que o papel soporta á poesía”, en palabras do propio autor que combinou tres elementos básicos. “Por un lado interpretar a imaxe de Florencio cos recurtes e de fondo utilizar impresións de múltiples letras con diferentes tipografías. O terceiro elemento, importante, é un corazón de tipo anatómico, para subliñar o universal da literatura e da poesía, que sempre xorden do corazón”, asegura Iván, creador dunha imaxe “máis conectada á ilustración que ao deseño, onde se vei a elaboración a man, máis que o proceso a través de computadora”.

O premio, igual que nas outras edicións, será único de 3.000 euros. As bases tamén son as mesmas: os textos teñen que estar escritos en lingua galega, cun mínimo de 15 versos e un máximo de 90. Estarán publicadas nas páxinas web de todos os concellos que participan (Petín, A Rúa, Vilamartín, O Barco e Rubiá) e tamén na do proxecto As Letras de Florencio. Xa están na Deputación e unha vez que sexan publicadas no BOP darase o pistoletazo e saída para entregar os textos ata o 1 de setembro e xa o 31 dese mes terase o fallo do xurado.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button