CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

O barquense Iván Prieto expón en Santiago

A súa obra ‘Esmagoados’ estará exposta na Galería de Arte Espacio 48 ata o 4 de decembro

Despois dos últimos tres anos residindo e traballando en Berlín, o artista barquense Iván Prieto regresa coa súa obra a Santiago de Compostela. E faino con ‘Esmagoados’, unha colección exposta na Galería de Arte Espacio 48 de Santiago de Compostela.

Da combinación de dúas palabras galegas “esmagar” e “mágoa” nace o título, un xogo lingüístico que define á perfección a mostra, que recolle un grupo de personaxes (bustos, figuras de pequeno formato e ata cabezas) que representan “o lado máis fráxil do ser humano”, en palabras do propio autor. Prieto explica asemade, que o nexo común entre eses personaxes “é que son seres afectados por algunha carencia nos sentidos… Unhas veces aparecen protuberancias no peito, na boca ou nas orellas, pero na maioría dos casos están sometidos a presións en forma de elementos abstractos que se depositan como grandes pesos nas súas cabezas”.

Unha das figuras de 'Esmagoados'.
Unha das figuras de ‘Esmagoados’.

Para dar forma a estas figuras blandas, presionadas e deformes (esmagadas) que simbolicamente representan unha tensión asociada ao pensamento (mágoa, pena, sobreestimulación dos sentidos, exceso de información) que soportan loitando por estar equilibrados, o artista empregou sobre todo arxila.

"Protuberancia", outra das pezas da obra de Iván Prieto exposta na Galería de Arte Espacio 48.
“Protuberancia”, outra das pezas da obra de Iván Prieto exposta na Galería de Arte Espacio 48.

Natural do Barco de Valdeorras, Iván Prieto é licenciado en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid e actualmente traballa como artista do emblemático Funkhaus Berlin Nelepastrasse de Berlín (Alemania).

Na súa traxectoria expositiva conta con máis de dezaséis mostras individuais en galerías e centros de exposición de España, Polonia e Berlín; e máis de vinte colectivas en países como Alemania, Italia, Francia ou Holanda. Tamén atesoura numerosos premios como o ‘Galiza Crea 2007’, ‘Arte en la Vanguardia 2005’ ou ‘Premio Auditorio de Galicia 2003’, entre outros.

A exposición individual ‘Esmagoados’ que era inaugurada na tarde do 5 de novembro, permanecerá aberta ata o 4 de decembro, sendo comisariada por outra barquense, Ana Pérez Varela.

Artigos relacionados

Back to top button