DeportesÚltima hora

O barquense Rodrigo Enríquez ficha polo Club Ciclista Rías Baixas

O cliclista valdeorrés procede do Supermercados Froiz e correu coa selección española sub23
O ciclista barquense Rodrigo Enríquez.
O ciclista barquense Rodrigo Enríquez.

O ciclista ourensán Rodrigo Enríquez vén de incorporarse ao plantel do Club Ciclista Rías Baixas. O corredor do Barco de Valdeorras, procedente do Supermercados Froiz, chega ao conxunto miñorano co obxetivo de continuar coa progresión deportiva que o levou a defender as cores da selección española sub23 na última tempada.

No mes de maio o ciclista de 22 anos disputou co combinado a Volta a Asturias, compartindo pelotón con formacións profesionais como o Movistar ou o Caja Rural. “Unha oportunidade que lle chegou na súa segunda tempada de competición, posto que Enríquez decidira probar sorte no ciclismo un ano antes nas filas do Lola Lola-Gomistar, e o seu potencial non pasou desapercibido para o seleccionador Pascual Momparler”, explican dende o CC Rías Baixas. No mesmo mes de maio, Rodrigo foi un dos homenaxeados na Gala do Deporte organizada polo Concello do Barco de Valdeorras.

Xa no curso 2017 estrearase como elite vestido co maillot do seu novo club, “un equipazo que fixo as cousas moi ben. Os resultados así o demostran xa que levan catro anos competindo e lograron a terceira posición no ranking español. Trátase dun bo escaparate”, en palabras do ciclista valdeorrés que espera “estar nos postos dianteiros e ser competitivo todo o ano”, sendo un dos seus primeiros obxectivos “estar ben na Copa de España”.

Tal como explican dende o CC Rías Baixas, o novo director de Enríquez, Marcos Serrano “confía nas cualidades dun corredor todoterreo que pola súa tardía incorporación ao ciclismo todavía non explotou. Esperamos que connosco logre dar ese salto de calidade. Será un dos piares do equipo”.

Artigos relacionados

Back to top button