En portadaÚltima hora

O barquense Santiago Prada, Premio Nacional á Excelencia Profesional PRENAMO 2019 na disciplina de Xoias de Autor

O xoieiro recollerá o galardón de ANDE no acto que se celebrará mañá no Hotel Puerta América, en Madrid

Santiago Ramón Prada Gómez.

 

A gala dos Premios Nacionais á Excelencia Empresarial e Profesional PRENAMO (Premios Nacionais da Moda) 2019, que outorga ANDE (Asociación de Novos e Xoves Deseñadores) celebrarase mañá 4 de outubro no Hotel Puerta América, en Madrid, e entre os galardoados está o xoieiro barquense Santiago Prada.

Hai xa máis de oito anos que Santiago comezaba a súa aventura no mundo da xoiería e o que comezou case como un pasatempo, converteuse cos anos no seu modo de vida, conseguindo facer dende o seu taller no Barco de Valdeorras, xoias de autor para todo o mundo.

Xoias que elabora artesanalmente de principio a fin, dende o deseño en 3D ata o esmaltado e o engastado de xemas. “A miña idea é ofrecer ao cliente xemas de calidade (rubíes, esmeraldas, zafiros, tanzanitas,…) montadas en pezas, basicamente de prata, que realizo a man, partindo dunha fundición de metal. Ademais importo as pedras que engasto directamente dende o país de orixe (o 80% de Tailandia), conseguindo reducir o custe nunha porcentaxe considerable, polo tanto o produto que lle ofrezo ao cliente é unha peza de calidade, acompañada por un análise xemolóxico e a súa correspondente tasación, a un prezo moi xusto e valor documentado”, explica Santiago.

 

Unha das xoias de Santiago Prada.

 

Que non sexa necesario ter un gran poder adquisitivo para fabricar unha xoia, é tamén o seu obxectivo dentro da Asociación Joyas de Autor que preside dende o mes de xullo, buscando “transparencia e sobre todo creatividade”.

As súas ideas e sobre todo traballo, levárono a ser un dos galardoados nos PRENAMO deste ano co Premio Nacional á Excelencia Profesional na disciplina Xoias de Autor.

 

Artigos relacionados

Back to top button