CulturaCulturaÚltima hora

O Bierzo celebra o seu Día da Lingua Galega

Uns 1146 estudantes de galego sumábanse a esta conmemoración que tiña lugar nas localidades leonesas de Vilafranca, Cacabelos e Corullón

 

Coincidindo co 325º aniversario de Frei Martín Sarmiento, a comarca leonesa do Bierzo celebra este 9 de marzo o seu Día da Lingua Galega. Uns 1146 estudantes de galego sumábanse a esta conmemoración que tiña lugar nas localidades de Vilafranca, Cacabelos e Corullón. Os actos estiveron organizados pola Comisión Cultural Martín Sarmiento co apoio da Xunta de Galicia e da Junta de Castela e León, entre outras entidades, e entre os asistentes estaba o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

A xornada festiva iniciouse no Teatro Villafranquino Enrique Gil Carrasco cunha homenaxe ao poeta berciano Ramón González-Alegre co gallo do centenario do seu nacemento, homenaxe que se prolongou cunha visita á casa natal do poeta e mais unha ofrenda floral ante o monumento ao escritor.

A segunda metade da mañá estivo ocupada pola actividade de dinamización lingüística Enredando con Pakolas, a cargo de Paco Cerdeira, dirixida a alumnado de infantil e primaria. A celebración desprazouse pola tarde ao salón de actos do Marca, en Cacabelos, onde se presentou a III edición dos Premios Morales para a promoción da lingua galega no Bierzo e Sanabria organizada, co apoio da Xunta de Galicia e outras entidades, polo Grupo As Médulas para a lingua e cultura galegas no Bierzo.

De volta no Teatro Villafranquino Enrique Gil Carrasco, celebrouse a mesa de debate As arelas de Sarmiento na que participaron docentes e representantes das administracións educativas e de diferentes entidades culturais, que realizaron un seguimento das actividades levadas a cabo e concretaron novos compromisos coa lingua galega no Bierzo.

 

 

As celebracións remataron en Corullón coa presentación do libro de Elixio Ribas Unha cala no Bierzo Occidental (Corullón), publicado pola Comisión Cultural Martín Sarmiento en Edicións Positivas co apoio da Consellería de Cultura e Turismo.

Durante esta xornada Valentín García destacaba que neste curso escolar “medrou en 34 o número de alumnos e alumnas que se incorporaron ao Programa de promoción do galego no Bierzo e Sanabria para estudar o galego e en galego”. Ademais expresaba a súa satisfacción porque “cada ano somos máis os que nos reunimos aquí co fin de mostrar a nosa aposta pola lingua propia de Galicia e garantir o seu futuro nestas terras que, fóra das da nosa Comunidade, son tamén galegofalantes”.

Programa de promoción do galego no Bierzo e en Sanabria

A celebración do Día do galego no Bierzo está dirixida fundamentalmente á comunidade educativa dos 19 centros adscritos ao Programa de promoción da lingua galega nestes territorios galegofalantes xurdido da colaboración entre a Xunta de Galicia e a Junta de Castela e León. Deles, 14 son CEIP ou CRA e 4 IES, ademais da Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada.

“Por terceiro ano consecutivo, verificouse un incremento de alumnado, tanto nos ensinos infantil e primario coma no secundario e na escola oficial de idiomas”, segundo os datos da Xunta. Así, os datos de alumnado quedan como seguen: 941 alumnos na educación infantil e primaria (fronte aos 927 do curso anterior), 148 alumnos na educación secundaria (fronte aos 133 do curso anterior) e 57 alumnos na Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada (fronte aos 52 do curso anterior).

 

Artigos relacionados

Back to top button