ConcellosÚltima hora

O Bispado de Astorga pecha todos os templos parroquiais, igrexas e capelas e suprime as misas

Cartel informativo na igrexa parroquial de San Mauro no Barco, pechada./ Foto: A.R.

Ante o “agravemento da infección polo coronavirus” o Bispado de Astorga vén de emitir un comunicado para facer públicas unha serie de disposicións de urxencia para a prevención deste virus. Nel indícase que se cancelan as celebracións litúrxicas nos seus templos.

“Ata novo aviso quedarán pechados todos os templos parroquiais, igrexas e capelas e suprimidas todas as misas nos mesmos, non puidendo ter celebracións sacramentais nin actos de piedade con persoas que libremente teñan acceso”, sinalaba o Bispado. Así, dispénsase aos “fieis cristiáns da diócesis da asistencia á Eucaristía, os domingos e festas de precepto. Pódese seguir a santa Misa por televisión ou radio, así como por otros dispositivos electrónicos”.

Así en lugares como O Barco as persoas que acudían nesta tarde sábado á misa atopaban as portas da igrexa parroquial de San Mauro pechadas.

 

Santuario das Ermitas (O Bolo), tamén dentro da Diócese de Astorga./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Ao mesmo tempo, quedan suspendidas, polo momento, “as diversas celebracións previstas para a Coresma e a Semana Santa en todas as nosas igrexas”. E ata novo aviso, suprímese calquera outra celebración sacramental (rito do matrimonio, bautizos, primeiras comuñóns, confirmacións e penitencia comunitaria). Manterese esta medida ata que sexa posible reemprender sen risco para a saúde pública a normalización destes importantes momentos da vida cristiá”, segundo o comunicado, asinado por José Luis Castro, administrador diocesano de Astorga.

Funerais

No relativo á celebración de funerais e exequias aplicarase a mesma restricción nas igrexas e demais templos. “Neste caso, procederase, loxicamente, ao enterro do difunto con algunha sinxela oración directamente no cemiterio sen entrar no templo, e posporase a misa de funeral na igrexa para máis adiante”.

Estas novas medidas preventivas engádense as xa tomadas anteriormente en todas as parroquias e comunidades relixiosas da Diócese de Astorga. Tamén nas dióceses galegas tomáronse medidas semellantes nas últimas horas.

Artigos relacionados

Back to top button