PolíticaÚltima hora

O Bloque reivindica 40 anos de “loita do nacionalismo” en Ourense

Ex deputados, ex parlamentares da formación política e actuais representantes de Concellos e candidatos ás autonómicas do 25S conforman unha foto de familia para o recordo
O BNG xuntouse esta mañá en Ourense para lembrar os seus 40 anos de historia.
O BNG xuntouse esta mañá en Ourense para lembrar os seus 40 anos de historia, en plena campaña electoral.

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) xuntou varias xeracións hoxe en Ourense para reivindicar 40 anos de “loita do nacionalismo en defensa dos intereses dos galegos”. O acto contou coa presenza de Alfredo Suárez Canal, ex conselleiro de Medio Rural e ex deputado no Parlamento de Galicia, Francisco Jorquera e Olalla Fernández, ex parlamentares nas Cortes Xerais tamén, Tareixa Paz, ex deputada do Parlamento, Diego Lourenzo, tenente de alcalde de Verín, e Noa Presas, candidata ao Parlamento nas eleccións do 25S. Xunto a eles, sumáronse outras tantas caras para formaren unha foto de familia para o recordo.

“Cando se escriba a historia do nacionalismo galego, o BNG aparecerá sempre como referente alternativo ao que hoxe é o PP”, definiu Presas, nun acto de recoñecemento do labor das xeracións anteriores e presentes da formación. Unha perspectiva que foi reafirmada por Suárez Canal, que valorou a traxectoria do partido como unha “lealdade inquebrantábel sempre cara o pobo”.

Lourenzo falou do Bloque como “un proxecto de transformación e un exemplo de xestión nos concellos como modelo alternativo á estrutura caciquil da provincia”. Así, destacou a xestión nos gobernos de Allariz, Baños de Molgas, Viana ou Verín.

Tamén Presas fixo un percorrido polo que eles entenden como “conquistas” do Bloque, “que teñen que ver co benestar e as condicións de vida de moitos compatriotas”. “Se hoxe temos en Ourense un campus universitario e non unha superficie comercial é grazas ao nacionalismo”, apuntou Suárez Canal. De igual xeito se recordou a incorporación do hospital provincial á rede da Seguridade Social, o conservatorio de música da cidade, a primeira mobilización polo hospital na comarca de Verín, o plan do ferrocarril, o instituto de Allariz, o regadío na Limia ou as políticas forestais que, segundo eles, “diminuíron os lumes e puxeron os montes a producir”. “Todo grazas ao compromiso e ao traballo dos nacionalistas”, concluíron.

Entre os nacionalistas reunidos en Ourense tamén asistiron rostros como Lois Antón, Fernando Varela, Teresa Devesa, Xacobe García, Manuel Méndez, Moncho Losada, Antonio Blanco, Antón Gómez, Leopoldo Rodríguez, Concha Álvarez, Bernardo Varela, Paco García, Alberte Blanco, Manolo Conde, Xosé Manoel Fírvida, Antonio Fandiño ou Ximena González.

Artigos relacionados

Back to top button