PolíticaÚltima hora

O BNG alerta da “merma no servizo de radioloxía” no Hospital de Valdeorras

A deputada nacionalista María Albert preguntará no Parlamento galego que medidas vai adoptar Sanidade ante esta situación

A deputada valdeorresa no Parlamento galego, María Albert, durante un acto./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A deputada valdeorresa do BNG no Parlamento de Galicia, María G. Albert, alerta do empeoramento do servizo de Radioloxía no Hospital de Valdeorras despois de que o concurso de traslados de médicos radiólogos deixe vacantes dúas prazas das catro coas que hoxe contaba centro.

Albert considera que “chove sobe mollado no empeoramento de servizos e recursos do noso hospital comarcal que paulatinamente está a ficar convertido nun centro de especialidades. No caso do servizo de Radioloxía trátase dun problema moi grave posto que na medicina actual case o 80% dos diagnósticos hospitalarios precisan dalgunha proba de imaxe. A situación agrávase xa que dos dous facultativos que fican en Valdeorras só un ten gardas localizadas, polo que é evidente que a única persoa que fai gardas non pode asumir todas as do mes”.

A deputada cre que será o servizo de Ourense o que cubra as gardas do centro desprazando persoal “como xa estaba a acontecer nas fins de semana do Hospital de Verín”. Albert sinala tamén que esta “situación de precariedade no número de profesionais (que influirá, irremediabelmente, na calidade do servizo) se prolongará até que se adxudiquen os destinos da vindeira OPE, polo que deixará de novo á nosa comarca á cola do Servizo Galego de Saúde e da atención sanitaria de proximidade e calidade que merecen as e os valdeorreses”.

Por último a representante do BNG sinalou que a súa formación presentará no Parlamento de Galicia varias preguntas para saber que medidas vai adoptar a Consellaría de Sanidade para aumentar o planel de Radioloxíada EOXI de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

O Sergas asegura que “dende a área sanitaria darase cobertura ás necesidades de Valdeorras”

Con respecto a esta situación do servizo de Radioloxía do centro barquense, dende o Sergas sinalan que “participar nun concurso de traslados é un dereito de todos os traballadores da sanidade pública, así como decidir, con arranxo ás normas, elixir centro conforme á súa vontade e intereses personais”.

Así mesmo, dende o Sergas indícase que “mentres non se cubran as prazas que queden vacantes con novo personal, dende a Área Sanitaria darase cobertura ás necesidades asistenciais tanto de Valdeorras como do resto da área. O personal incorporarase tras a OPE”.

 

Artigos relacionados

Back to top button
Close