PolíticaÚltima hora

O BNG alerta de que a modificación da Lei de Saúde pretende “crear un estado de alarma permanente”

María G. Albert asegura que "hai que recuperar as áreas sanitarias que foron suprimidas nun proceso que empeorou a atención sanitaria dos valdeorreses"

 

A vindeira semana o Partido Popular levará ao Pleno do Parlamento Galego a aprobación da modificación da Lei de Saúde que, segundo o BNG “ten como obxectivo fundamental restrinxir dereitos fundamentais dos galegos sen ningún tipo de control, creando o que nós entendemos que é un estado de alarma permanente”. Así o aseguraba a deputada parlamentaria e voceira do BNG no Concello da Rúa, María G. Albert, na rolda de prensa que os nacionalistas valdeorreses daban na mañá deste 18 de febreiro.

Albert asegura que se trata dun proxecto de lei “tramitado sen diálogo, pola vía de urxencia e con moitísimo oscurantismo e opacidade. Unha lei que vai mudar para peor a lexislación sanitaria galega e que, ao noso modo de ver, non ten por obxectivo mellorar a saúde dos galegos nin o sistema sanitario público senón vixiar e punir á poboación”, di.

Segundo explicou o voceiro nacionalista no Concello do Barco, Jesús Vilasánchez, “nesta norma chega a esixirse a obriga de declarar en contra dun mesmo ou de esixir un seguemento electrónico e mesmo permitirase a entrada nas historias clínicas. É unha norma totalmente coartadora dos dereitos humanos. Sen unha defensa xurídica e especializada, máis que unha lei parécenos un ataque aos dereitos civís”.

 

María G. Albert, deputada do BNG no Parlamento galego, na rolda de prensa.

 

Con respecto á pandemia de Covid, María Albert asegura que o goberno da Xunta pretende “afrontala coma se fora un problema de orde pública e a saúde non o é”. É dicir, “pretende facer fronte a unha crise sanitaria con medidas de carácter puramente restritivo e punitivo e nós entendemos que por exemplo unha pneumonía non se cura con multas senón con asistencia sanitaria e un sistema digno”. Por iso, asegura que hai que “apostar por un sistema de investigación sanitaria forte que teña unhas condicións laborais dignas e que sexa capaz de dar resposta, non só a esta pandemia, senón a todos os problemas de saúde da poboación máis alá do Covid-19 porque a xente segue a ter cancro, problemas do corazón e enfermidades de todo tipo, e estamos vendo como se están atrasando diagnoses e tratamentos por falta de recursos. Agora estamos moi inmersos no coronavirus, pero cando analicemos isto coa distancia que nos dé o tempo imos ver a catástrofe que supuxo a pandemia nun sistema sanitario no que a xente continúa enfermando”.

Coas enmendas presentadas a este proxecto de lei, o BNG segue apostando por “dotar á sanidade pública galega de medios e recursos, reforzando o noso sistema sanitario e revertendo os recurtes que se teñen realizado nos últimos anos”. Albert destaca que o sistema sanitario galego “ten que estar dotado con profesionais suficientes con medios axeitados, rematando coa precariedade laboral á que está sometido e que se agudizou neste contexto de pandemia”.

 

Jesús Vilasánchez, voceiro do BNG no Concello do Barco.

 

Con respecto ás áreas sanitarias suprimidas nun proceso que “empeorou a atención sanitaria dos galegos en xeral e dos valdeorreses en particular”, Albert asegura que “hai que recuperalas” e Vilasánchez vai máis alá asegurando que o Hospital de Valdeorras “está masacrado e a dirección non ten nin capacidade de decisión nin de actuación. Non temos autonomía, non temos profesionais, non temos servizos… É certo que o Covid pecha algúns pero a maiores non hai dermatoloxía, hai problemas con raios tendo que levar aos pacientes a Ourense a facer ecografías… con rehabilitación pasa o mesmo e agora hai pechadas consultas de uroloxía e reumatoloxía. Tiñamos cardiólogos, medicina do traballo… Tiñamos moitos servizos que foron desaparecendo ao longo dos anos. Agora incluso afecta a medicina interna. Estamos supeditados a Ourense sen autonomía ningunha, perdemos servizos e profesionais e estamos pagando unha merma impresionante na calidade sanitaria”, conclúe.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button