PolíticaÚltima hora

O BNG anima a participar na manifestación do domingo en defensa do Hospital de Valdeorras

A deputada ruesa María Albert insiste no valor da mobilización social para "lograr cambios"

A deputada do BNG no Parlamento galego, María Albert.

 

O Bloque Nacionalista Galego de Valdeorras vén de emitir un comunicado de prensa no que alenta á cidadanía “a participar masivamente na manifestación convocada para o próximo domingo na vila do Barco de Valdeorras pola Xunta de Persoal do Hospital Público de Valdeorras baixo o lema “Salvemos o noso hospital e os centros de saúde”. A manifestación sairá ás 12h. dende a Casa Grande de Viloira e rematará no Hospital de Valdeorras, no Barco.

A deputada do BNG no Parlamento de Galicia e portavoz nacionalista no Concello da Rúa, María Albert, insiste no poder da resposta cidadá para promover “mudanzas nas políticas demoledoras que o PP e a Xunta están a exercer sobre a sanidade na comarca de Valdeorras”. Albert incidiu no “enorme poder da mobilización e a resposta social para provocar cambios nas políticas do PP”, tal e como se ten demostrado enoutras mobilizacións cidadás que, como no caso de “Verín non se pecha” conseguiron que decisións xa tomadas e consumadas por parte da Xunta tivesen que ser revertidas pola presión social”.

Desde o BNG entenden que a manifestación do domingo 28 non pode ser unha meta en si mesma senón un “punto de inflexión que ten que facer ver en San Caetano” que a xente do Distrito Sanitario de Valdeorras “está disposta a loitar polos seus dereitos e que non ten pensado resignarse a se converter en cidadanía de segunda a pesares do abandono ao que a ten sometida a Xunta”.

Os nacionalistas destacan o estado agónico ao que o Partido Popular ten levado ao HPV “baleirándoo de especialistas e servizos de xeito continuado desde a supresión da área sanitaria e que ten chegado a un punto de non retorno coa falta de especialistas de radiodiagnóstico, de traumatoloxía e de medicina interna colocando a Valdeorras nunha situación insustentábel sen acceso aos máis mínimos servizos do que se presupón unha atención sanitaria pública digna e de proximidade”.

Artigos relacionados

Back to top button