Eleccións Xerais 26-XGalerías de fotosPolíticaÚltima hora

O BNG aspira a ser a “chave” para a negociación do goberno tras o 26X

A número un da candidatura ao Congreso por Ourense, Noa Presas, presentou na cidade algunhas das propostas coas que a formación concorrerá aos comicios xerais, xunto co voceiro parlamentar do grupo, Francisco Jorquera

Noa Presas, número un da candidatura ao Congreso do BNG por Ourense, e o voceiro parlamentar da formación, Francisco Jorquera mantiveron esta mañá un encontro con xornalistas onde avanzaron algunhas das propostas coas que concorren cara os vindeiros comicios do 26X e nas que aspiran a recuperar a representación perdida na breve lexislatura anterior. Deste xeito, según explicaron, aspiran a ser a “chave” para as negociacións para formar o próximo goberno, pois recoñecen que ninguén vai acadar unha maioría clara.

“Nós temos claro que a presenza dunha deputada nacionalista podería condicionar as políticas dun novo goberno e por iso dicimos que non imos alí a negociar cadeiras nin carteiras ministeriais”, detallou Presas. Lembrou, neste senso, o labor da formación galega en lexislaturas anteriores: “o BNG xa o fixo, e volvería a facelo, nos primeiros orzamentos de Zapatero éramos chave e fomos quen de que o goberno se comprometera a determinadas inversións para Galiza”.

Canto ás propostas que levan no seu programa, Presas falou de “asegurar a cobertura de desemprego a todas as persoas sen ocupación laboral e implantar un ingreso vital mínimo para todas as persoas que non cobraran ningún tipo de prestación económica”. Así mesmo, a nacionalista referiuse tamén ás pensións, no que tamén apostan por instaurar uns ingresos mínimos igual ao Salario Mínimo Interprofesional (SMI).

En materia económica, a formación leva no seu programa a busca de mellorar o financiamento da comunidade e non dubidou en establecer símiles con outras comunidades que traballan con facendas propias, coma o País Vasco. Neste senso, Jorquera lamentou que as grandes empresas asentadas en Galicia tributasen en Madrid e fixo fincapé na importancia de que exista unha facenda galega que xestione a recadación.

“A independencia á hora de defender os intereses do noso país no parlamento galego e no Congreso é incuestionable, tanto coma que sempre o fixemos promovendo políticas de esquerdas”, explicou Jorquera, que rematou recordando que “nunca estivemos supeditados á obediencia a ningún grupo estatal”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button