Eleccións municipaisPolíticaÚltima hora

O BNG barquense desprega o seu progama, apoiado por Ana Miranda

A formación nacionalista celebraba un mitin na tarde do 18 de maio no salón de actos do multiusos desta vila

Vítor Nieves, único concelleiro do BNG no Barco, abría o mitin deste partido na vila./ Foto: Carlos G. Hervella.
Vítor Nieves, único concelleiro do BNG no Barco, abría o mitin deste partido na vila./ Foto: Carlos G. Hervella.

Con cadansúa maleta entraban no salón de actos os tres primeiros membros da lista do BNG-Asembleas Abertas no Barco, acompañados pola eurodeputada Ana Miranda e polo concelleiro barquense Vítor Nieves na tarde do 18 de maio. Con este xesto pretendían chamar a atención, no inicio do mitin nacionalista, sobre a emigración da xente nova, que se ve obrigada a deixar a súa terra en busca de oportunidades, tal e como sucedía décadas atrás.

Sobre esa idea incidía tamén na súa intervención Vítor Nieves, único representante nacionalista na Corporación do Barco na lexislatura que está a piques de concluír, así como o resto dos participantes no mitin. Ademais facía balance do traballo desenvolvido polo BNG neste período de xestión municipal que dividía en dúas partes. “O primeiro tramo da foi moi construtivo, xa que presentamos moitos proxectos en temas como o residuos sólidos, cunha iniciativa alternativa a Sogama; a eliminación de vertedoiros incontrolados, a mellor xestión do viveiro de empresas…”. Proxectos, lembraba que non foron tidos en conta. E xa, na segundo tramo da lexislatura, “adicámonos á fiscalización da acción de goberno”. Nieves, que desta volta ocupa o posto número 17 da lista, destacaba tamén que o “traballo do BNG non se fai dende unha administración, senón que está na rúa, sempre o estivo. Fixemos máis nas rúas que nos plenos”.

A continuación, Manuel Agra, número tres da lista do BNG no Barco, reflexionaba sobre a “necesidade de que haxa unha alternativa nacionalista neste concello” e criticaba o tipo de oposición realizaba polo PP nos últimos catro anos. Apostaba por unha forma de facer política “diferente, contando coa xente” e cunha “defensa contundente dos intereses da nosa terra. O BNG estivo ao lado dos cidadáns, defendendo os intereses dos máis necesitados”, e citaba como exemplo as plataformas dos emigrantes retornados da comarca ou a dos preferentistas.

Tomaba tamén a palabra a número dous da lista, Noemí Pinto, unha moza que debuta na política e que explicaba os motivos que a levaban a tomar esa decisión. Facía un chamamento á xuventude que non se ve reflectida na política actual para que dean o paso “e se metan nela, que loiten, porque non temos nada que perder”. Aludía asemade ás carencias que ve no concello do Barco, cunha mención especial ao apartado cultural e de ocio. “Pódense facer moitas máis cousas, hai xente con ganas de facer teatro, música… por iso nós propoñemos unha Casa da Xuventude que sexa punto de encontro entre toda a sociedade”.

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, intervindo no mitin do Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, intervindo no mitin do Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

Á decisión de Pinto de entrar nunha lista referíase de novo á europarlamentaria nacionalista Ana Miranda. “A verdadeira valentía hoxendía é estar nestas candidaturas”. Referíase tamén á mestura de “vetenaría e mocidade” da lista do BNG no Barco e aseguraba que “non vimos a prometer que se fagan rotondas no Barco, nin grandes infraestruturas, senón que prometemos honestidade, traballo e ter un equipo amparado polos nosos representantes no Parlamento galego, español e europeo”. Resaltaba tamén que “cando goberna o BNG vívese mellor” e poñía como exemplo concellos como Allariz ou Pontevedra.

O candidato nacionalista á alcaldía barquense, Jesús Vilasánchez./ Foto: Carlos G. Hervella.
O candidato nacionalista á alcaldía barquense, Jesús Vilasánchez./ Foto: Carlos G. Hervella.

Miranda daba paso ao candidato á alcaldía barquense polo BNG, Jesús Vilasánchez Feijóo, quen confesaba que ao falar de maletas recordaba que na súa casa hai unha habitación baleira, porque alguén gardou o seu título nunha maleta e marchou. Por iso, dicía, “imos traballar para liderar os concellos porque queremos que as maletas volten cos rapaces. Nós non queremos que O Barco sexa un centro de gasto, senón un centro de liderazgo”. E para facelo detallaba as medidas que o BNG inclúe no seu programa, dun total de 32 páxinas, e que se centran en eidos como a economía e o emprego (con iniciativas como un plan de emprego ou a creación dun banco de terras), a posta en marcha dunha rede de transportes urbáns públicos, a conciliación da vida laboral e familiar, o urbanismo ou a aposta por un turismo desestacionalizado.

Vítor Nieves, Manuel Agra, Noemí Pinto, Ana Miranda e Jesús Vilasánchez, ao remate do mitin./ Foto: Carlos G. Hervella.
Vítor Nieves, Manuel Agra, Noemí Pinto, Ana Miranda e Jesús Vilasánchez, ao remate do mitin./ Foto: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button