PolíticaÚltima hora

O BNG califica de “baleiro” o acordo entre as tres forzas da oposición ourensá

Os nacionalistas aseguran que non hai alternativas de participación cidadá, igualdade, defensa da lingua ou dunha acción cultural
Xosé Fernández Baltar, Ximena González e Noa Presas.

O Bloque Nacionalista Galego de Ourense fixo hoxe unha extensa valoración sobre a proposta de acordo presentada polos grupos a oposición no Concello de Ourense. Os nacionalistas sinalaron este proxecto como “de pouco calado e sen compromisos orzamentarios ou temporais concretos”.

Ximena González cuestionou que “por que agora e non ao principio do mandato cando tiña máis sentido?”. O BNG espuxo que este acordo ten “unha perspectiva localista, limitándose á xestión e propostas de iniciativas que xa estaban enriba da mesa e sen ningunha novidade” e sinalan que “todas as propostas poden aprobarse en pleno con maioría forzando ao goberno a levalas adiante así que se quedan en meras declaracións de intencións”.

A ex concelleira Ximena González tamén sinalou que eses compromisos que asumen estas tres forzas políticas “non teñen capacidade de execución, como as competencias da Xunta, o que apunta máis a un acordo para facer oposición conxunta que para gobernar a cidade”, dixo.

Para os nacionalistas hai moita ausencia de criterios e prioridades en relación ás contas municipais, polo que “baleiran ao docmuento de toda credibilidade”. Ximena González asegurou que “cuns orzamentos programados dende 2014, unha oposición responsable non pode presentarse ante a cidadanía cun acordo no que estes non se mencionen. Sen orzamentos non se pode gobernar para mudar as cousas”, reclaman dende o bloque. A fiscalidade, o Plano de Emprego “co paso atrás de non estar orzamentado na proposta”, unha nova relación de postos de traballo “cun PSOE que puido facer unha en 8 anos de goberno” ou a remunicipalización  na que “non se menciona un só servizo para rescatar”, dixo González, centran as críticas do bloque ourensán e amosan, segundo dixeron, a escasa ou nula credibilidade que se lle pode dar á proposta.

Os ausentes no documento

Xosé Fernández Baltar, responsable local do BNG, mencionou moitas das ausencias que o seu partido detectou no acordo presentado pola oposición “que mostra unha vez máis o baleiro de contidos e propostas para ser unha alternativa real de goberno en Ourense”, dixo.

A participación da veciñanza na acción de goberno, o modelo cultural, a defensa da lingua ou a igualdade son cuestión “que non aparecen neste acordo”. Fernández Baltar sinalou que parece que estes tres partidos da oposición do Concello non teñen “unha alternativa fronte ao desgoberno do PP” nestas áreas. Xosé Baltar lembrou que “non se fai ningunha mención aos barrios e ao perímetro rural, parece que Ourense é só cidade para o PSOE, DO e OuC e que non teñen proxecto fóra dela”.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button