PolíticaÚltima hora

O BNG da Rúa anuncia que dá “por finalizado o proceso de negociacións”

A través dunha nota de prensa os nacionalistas refírense a un “pacto previo á campaña entre PP e RUA” e critican a “deslealdade” do PSdeG-PSOE

A tres días vista da conformación da nova Corporación na Rúa, o BNG deste municipio vén de anunciar a través dun comunicado que dá “por rematadas as negociacións de cara a atinxir unha maioría alternativa ao Partido Popular para o goberno municipal”. É unha decisión que este partido político vén de tomar nunha asemblea da súa candidatura.

“Vai uns días o BNG fixo públicos os seus contactos co PSOE para tentar manter a unidade do bloque de esquerdas que gobernou o Concello estes anos”, din os nacionalistas que consideran que “BNG e PSOE debiámonos presentar ante a cidadanía como unha fronte común para manter un goberno de progreso. Optamos por esa vía aínda sabendo que coa baixada do PSOE nas eleccións do pasado día 26 de maio a suma de ambas forzas non era suficiente para confeccionar unha maioría alternativa ao PP polo que, en último termo, sería o RUA o que tería que definir publicamente se prefería apoiar a un goberno de esquerdas ou a un de dereitas. Tras os resultados electorais un goberno liderado polo BNG era a única alternativa viable a un goberno do PP”.

O BNG da Rúa prosegue indicando que, “tras varias reunións, o PSOE tense negado a unir os seus dous votos aos do BNG de cara a unha posíbel investidura. Por iso, e ante a negativa do noso socio natural a apoiar a nosa proposta decidimos renunciar a ningún outro movemento”.

“Sen embargo, o PSOE e o RUA si se teñen reunido para intercambiar propostas”, sinalan os nacionalistas que entenden esa “actitude” dos socialistas como de “absoluta deslealdade cara o goberno do que levamos formando parte catro anos”.

E matizan que o “BNG non se ten posto en contacto co RUA en ningún momento deste proceso por varios motivos. O primeiro e máis evidente é que nos consta, como repetimos ao longo da campaña electoral, que existe un acordo previo entre o PP e o cabeza de lista dos independentes”. E, porque ademais, “as súas políticas están nas antípodas das nosas. Para o BNG o máis importante sempre será A Rúa”.

Conclúen asegurando que o “BNG exercerá a partires do próximo día 15 o labor de oposición que lle asignou a cidadanía da Rúa con firmeza e honestidade” e que lles preocupa “a inestabilidade coa que nacerá este novo goberno que, con independencia da performance que se faga no pleno de investidura, constituirán RUA e PP”.

Artigos relacionados

Back to top button