PolíticaÚltima hora

O BNG da Rúa reclama a convocatoria do pleno ordinario de novembro

Os nacionalistas entenden que "a situación do covid é tan importante que non se poden adiar os debates entre grupos"

A voceira do grupo municipal do BNG na Rúa, María G. Albert. /Foto: Mónica G. Bellver.

 

A voceira municipal do Bloque Nacionalista Galego na Rúa, María G. Albert, vén de reclamar a convocatoria do pleno ordinario de novembro “en tempo e forma ante o anuncio do goberno municipal de adiar 15 días a reunión do máximo órgano de representación cidadá do Concello”.

Para os nacionalistas este atraso está “absolutamente inxustificado” nun momento no que o goberno central vén de decretar un novo estado de alarma e no que “a segunda onda do Covid-19 está a ter repercusións directas na xestión e a oferta de servizos do consistorio municipal”. Neste sentido destaca Albert que “este adiamento vense a sumar aos atrasos na entrega de documentación” reclamada polo BNG en relación con distintas actuacións que está a levar a cabo o Concello da Rúa, como por exemplo “os expedientes de contratación das obras nas rúas Coballo e Pireira, o plan marco 2020, a Relación de Postos de Traballo ou os protocolos Covid que se están a seguir nos distintos departamentos e servizos municipais”.

Incidindo no mesmo tema, María G. Albert subliña que as comisións informativas, que levaban meses sen reunirse, comezaron a convocarse agora despois de moitos meses de xeito “atropelado, sen fornecer de documentación á oposición e sen deixar tempo entre unha convocatoria e outra para debater en profundidade todos os asuntos que atinxen ao concello neste momento”.

Artigos relacionados

Back to top button