PolíticaÚltima hora

O BNG de Ourense celebra o 25 de xullo convidando á cidadanía a sumarse ao seu proxecto

 

No Parque Barbaña celebraba a partir das 12h. deste 25 de xullo o BNG de Ourense o cen aniversario do “Día da Patria Galega”. A formación nacionalista chamaba á cidadanía a unirse ao seu proxecto como alternativa ao goberno actual despois de conseguir uns resultados históricos do 12X. Ademais comprometeuse a “traballar duro” nas institucións e na rúa para que a crise non a pague a maioría social deste país.

Neste acto, que contaba cunha representación valdeorresa encabezada por María Albert, tomaba a palabra a representante de Galiza Nova en Ourense, Stella González, que reivindicou o papel “fundamental” da mocidade do presente e o futuro do país” e animaba a que máis “mozas e mozos” se unan á organización xuvenil do BNG acreditando, unha vez máis, “na necesidade da autoorganización” como ferramenta para a mocidade.

Neste mesmo sentido, o voceiro municipal do BNG en Ourense, Luis Seara, destacou o papel da mocidade durante a campaña electoral e a responsabilidade das xeracións máis novas teñen no proxecto político do BNG. Así mesmo, sumouse ao chamamento de “sumar a todas aquelas persoas que teñen a Galiza no corazón ao proxecto do BNG”.

Pola súa banda, Noa Presas, deputada electa e representante da Executiva Nacional do BNG, resaltaba que no 12X esta formación política lograba “un resultado absolutamente histórico para o nacionalismo galego”.

Ademais insistiu en que eses resultados constitúen “un motivo máis para avanzarmos e ilusionarnos” sendo conscientes do traballo que se ten que desenvolver ao longo destes catro anos para “derrotar ao actual goberno na Xunta de Galiza. Temos o deber de achegarnos a todas as persoas e explicarlles o que é este proxecto político e de achegar a máis xente á militancia do BNG”

Presas indicaba tamén que  “somos conscientes de que a pata institucional é necesaria mais temos que ter maior capacidade de incidencia social. O nacionalismo galego ten agora a responsabilidade de estar diante de todos os posíbeis retrocesos que xa comezaron”.

Tamén aseguraba Presas que as forzas estatais están mirando cara outro lado mentres que o BNG está defendendo os intereses das e dos galegos coma no caso de Alcoa.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button