PolíticaÚltima hora

O BNG de Valdeorras critica a situación da Atención Primaria na comarca

Dende o Consello Comarcal do Bloque Nacionalista Galego de Valdeorras vén de emitirse un comunicado de prensa no que aseguran que existe unha “situación de precariedade” na rede de centros de Atención Primaria na comarca.

“O Sergas non está a dotar dos medios humanos e materiais precisos para manter unha atención primaria digna”, di o BNG de Valdeorras que tamén se pregunta “que está a facer a Consellería para atender as doenzas comúns da cidadanía nesta época Covid”. Ademais os nacionalistas aluden directamente á campaña de vacinación contra a gripe, indicando que hai centros que “tiveron que anular citas porque non dispoñen das doses necesarias da vacina”.

O BNG de Valdeorras tamén asegura no seu comunicado que os centros de saúde “sobreviven nos últimos meses con escaseza de medios e persoal, con baixas que non se cobren e polo tanto con cadros de persoal mermados que están atendendo a un número inasumíbel de pacientes; moitas veces ademais de xeito telefónico, coas evidentes carencias de diagnóstico e atención que iso supón”.

Ademais, engaden, que “esta falta de medios e persoal vese agravada polo feito de que os profesionais dos Centros de Saúde teñen que facer ao seu tempo labores de seguimento e rastrexo dos casos de Covid na comarca; un labor que ten un altísimo compoñente administrativo”.

E, nese senso, os nacionalistas reclaman que se cubran as baixas de persoal e se garanta unha atención primaria digna en Valdeorras.

Artigos relacionados

Back to top button
Close