SanidadeÚltima hora

O BNG de Valdeorras di que o servizo de Medicina Interna do HPV “non é capaz de manter a súa actividade habitual”

Esta formación política emitía un comunicado para responder ás declaracións do conselleiro de Sanidade da pasada semana no Barco

Entrada principal do Hospital Público de Valdeorras./ Foto: A.R.

 

A visita realizada polo conselleiro de Sanidade a pasada semana ao Hospital de Valdeorras segue xerando reaccións. Tras o comunicado feito público onte pola sección de UGT no citado centro hospitalario, esta mañá o BNG de Valdeorras emitía un comunicado considerando os “anuncios do conselleiro como unha burla ou unha escapada cara a adiante pola preocupación que teñen de que a cidadanía do distrito sanitario de Valdeorras se dea conta da práctica destrución do seu hospital”.

O BNG asegura que o Hospital de Valdeorras “desaparece. E non hai máis que preguntarse onde está o servizo de dermatoloxía que tiña, ou onde está o de rehabilitación, ou onde os cirurxiáns que tiñamos, ou tantos outros servizos como describiu a moción que presentou o BNG nos concellos de Valdeorras, comezando polo do Barco no mes de setembro de 2021”.

Esta formación política cre que “o conselleiro veu a Valdeorras a falar de obras e de orzamentos para obras, como se fose unha grande cousa investir neste hospital máis de 2 millóns de euros, cando no de Verín só no edificio de urxencias van investir 4 millóns de euros, e no de Monforte 15. E esas obras que tanto pregoan están sen facer desde o ano 2017, tal como podemos demostrar por resposta parlamentar a unha pregunta do BNG”.

Ademais o BNG de Valdeorras insiste en que o “que ten que facer o señor conselleiro é non vir ás agachadas a Valdeorras. O que ten que facer é atender ao convite dos grupos sindicais do Hospital de Valdeorras e convocalos a un débate público e con prensa. Tan ben está o Hospital de Valdeorras a día de hoxe que o seu principal servizo, que é o de medicina interna, xa non é capaz de manter a súa actividade habitual: a actividade de consulta ordinaria de revisións está parada, agás unha consulta dunha profesional con redución de xornada. A iso hai que engadir que un servizo tan sensíbel como o de paliativos leva pechado desde o Nadal, e o seus pacientes teñen que ser atendidos en urxencias ou polos seus médicos de primaria”.

Artigos relacionados

Back to top button