PolíticaÚltima hora

O BNG de Valdeorras inaugura a súa nova sede coa presenza de Ana Pontón

“O BNG nesta comarca e tamén no Barco de Valdeorras ten que tomar con decisión todos os retos que temos por diante”, dicía a súa portavoz nacional no Barco, acompañada por Noa Presas

Entre mensaxes sobre a nova situación política española e as vindeiras eleccións municipais desenvolvíase a inauguración da nova sede comarcal do BNG en Valdeorras, situada na avenida Manuel Quiroga do Barco, na tarde do 2 de xuño. O acto contaba coa presenza da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, da deputada ourensá Noa Presas, do responsable comarcal do BNG, Suso Vilasánchez, así como da tenente de alcade da Rúa, María González, entre outros.

O turno de intervencióna abríao Suso Vilasánchez, quen destacaba que ao BNG chégase percorrendo dous camiños: “o dunha serena reflexión intelectual e o camiño do corazón”. Con relación ao primeiro, aseguraba que se defende unha forma de “goberno distinto, que se goberne de Galiza e para Galiza”, e iso ao mesmo tempo percorrendo outra senda, “que é a da emoción, é dicir, cando ti tes respecto polos teus devanceiros, pola lingua que falaban, por como vivían a vida, canto tes a túa propia autoestima e cando tes amor polos teus herdeiros”. Esa combinación, resaltaba, é o que “fai imbatible ao BNG porque ti podes matar a emoción ou a razón, pero nunca podes matar unha razón emocional nin unha emoción razonada”. Tamén subliñaba que o BNG vai “chegar a bo porto tarde ou cedo” e que nel “cabemos todos, temos bancada libres para quen queira vir con nós”.

De seguido, tomaba a palabra a deputada do BNG por Ourense, Noa Presas, quen sinalaba que esta sede vai ser “un lugar de traballo e vai ter a porta aberta, é a vosa casa e esperamos ter moitos momentos de encontro, que sexa un sitio de convivio, de confianza e de cambio de pareceres porque esta é a nosa vontade”. Amosaba o seu convencemento de que “imos ver moitos pasos adiante do BNG en Valdeorras e tamén en concreto no Barco nos próximos meses, aquí temos moitos retos por diante e estou convencida de que os compañeiros/as van cumprir con moito éxito porque temos unha responsabilidade con este país e con esta comarca”. Comentaba que “moito se notou a ausencia do BNG tanto no Concello, como noutras ocasións cando se tratan temas importantes desta zona do país e que parece que aos demais partidos políticos se lles olvida sempre. A sensación é que dentro de Galiza sempre se olvidan de Valdeorras e nós cremos no noso país, cremos en Ourense e cremos en Valdeorras e non nos imos esquecer nunca de Valdeorras”. Pedía ademais “confianza e que nos botedes unha man para todos os retos qus temos de futuro”.

 

Ana Pontón, durante a súa intervención no acto celebrado no Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Finalmente, Ana Pontón incidía no apuntado por Presas indicando que “nós estamos hoxe aquí porque o BNG nesta comarca, e tamén no Barco de Valdeorras, ten que tomar con decisión todos os retos que temos por diante, temos absolutamente todo por conquistar e imos ser capaces de cumprir eses obxectivos que nos marquemos porque eu vexo que aquí hai moita xente, algunha leva moitos anos, outra menos, xente que pasou etapas distintas, pero vexo que detrás de todos vos hai un corazón que latexa e unha idea común: que Galiza necesita ao nacionalismo se queremos avanzar e se queremos progresar. E dende esta comarca temos que seguir construíndo unha alternativa nacionalista que sume máis xente, que sume máis esforzo e temos un exemplo de que na Rúa é posible algo que parecía un soño: conseguir unha alcaldía”.

Ademais de na Rúa, dicía Pontón, “imos estar presentes en todos os concellos da comarca e imos facelo con ilusión, con esforzo, defendendo as nosas ideas e o noso proxecto e cos brazos abertos a todas as persoas que comparten con nós que é necesario erguer unha alternativa nacionalista en todo o país. É nos concellos onde podemos empezar a sumar máis xente e a sumar pequenas transformacións pero que realmente son grandes cambios”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button