PolíticaÚltima hora

O BNG de Valdeorras pide a xestión pública dos centros de maiores

Esta formación política considera que se trata do "modelo único para garantir os dereitos sociais e a saúde das persoas"

 

Dende o BNG de Valdeorras vén de emitirse unha nota de prensa na que incide na súa posición “a favor da xestión pública dos centros de maiores (13 na nesta comarca), como modelo único para garantir os dereitos sociais e a saúde das persoas”.

Ademais a formación nacionalista sinala que “toda persoa que precise dos coidados xeriátricos institucionalizados debería ter a posibilidade efectiva de acceso a unha praza nunha institución pública de xestión pública, independentemente do seu dereito a ir á iniciativa privada. Mais toda institución, pública ou privada, debe cumprir a normativa específica e xeral que lle atinxe. Son, por tanto, os poderes públicos os encargados de velar por ese cumprimento e, non facelo, é un claro deixamento de funcións”.

Ademais o BNG de Valdeorras refírese á situación vivida durante a pandemia do Covid-19 na residencia do Barco e indica que un “factor condicionante en Valdeorras foi a situación da sanidade pública na comarca que vén de anos de sucesivos recortes”, así como a “desaparición das áreas sanitarias con capacidade real de xestión e o nomeamento de cargos de xestión que carecen de coñecementos clínico-epidemiolóxicos para ser meros transmisores de instrucións tomadas noutros lugares”.

Finalmente, o BNG de Valdeorras lamenta “a situación acaecida nesa residencia e manifesta públicamente o apoio e cariño a residentes e familiares así como aos e ás traballadoras”.

Artigos relacionados

Back to top button